Remata a modernización de varios túneles do porto de Pedrafita e do de Montefurado, cun investimento de 25 millóns
Remata a modernización de varios túneles do porto de Pedrafita e do de Montefurado, cun investimento de 25 millóns
Entre as principais actuacións executadas, Transportes destaca a instalación de novos sistemas de ventilación e de detección e extracción de fumes
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible finalizou as obras de mellora e modernización de varios túneles do porto de Pedrafita, entre os quilómetros 407 e 464,5 da autovía A-6, e do de Montefurado na N-120.
En concreto, o ministerio indica que as actuacións se desenvolveron nos túneles de Neira, Cereixal, Doncos, San Pedro e Pedrafita, na A-6, na provincia de Lugo, e Trabadelo, A Escrita e Vilafranca, en León. Tamén en Montefurado, no quilómetro 476,8 da estrada N-120 na provincia de Lugo.
As obras na súa totalidade contaron cun investimento de 24,7 millóns de euros, dos cales 18,3 millóns de euros se financian cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Os 6,4 millóns de euros restantes, destinados a actuacións adicionais nos sistemas de ventilación, foron financiados con fondos nacionais. Entre as principais actuacións executadas, Transportes destaca a instalación de novos sistemas de ventilación e de detección e extracción de fumes.
Tamén resalta que houbo renovación completa das instalacións eléctricas e dos sistemas auxiliares de emerxencia e instalación de iluminación de emerxencia e sinalización fotoluminiscente de evacuación, e renovación dos sistemas de protección contra incendios, entre outras cuestións. Ademáis, levouse a cabo unha monitorización estrutural dos túneles para verificar o seu comportamento e descartar movementos.
Así mesmo, nos túneles de Doncos e San Pedro executáronse traballos específicos de proxección de morteiro ignífugo sobre os muros debido á presenza de edificacións en superficie.