Arde un camión do leite nun accidente na N-540 en Taboada
O condutor quedou ferido ao saír da vía o vehículo, que acabou calcinado entre as árbores
Un tráiler con dúas cisternas cargadas de leite saíu da vía na estrada N-540, á altura da parroquia taboadesa de Vilameñe. O vehículo caeu por un terraplén e, por causas que se descoñecen, comezou a arder nunha zona arborada. Malia quedar ferido, foi o propio condutor quen alertou o 112.
Ata o lugar desprazáronse daquela unha ambulancia do 061, axentes de Tráfico, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Monterroso, os bombeiros de Chantada e efectivos do distrito forestal da Terra de Lemos, que se encargaron de sufocar un conato de incendio.
"Participaron na extinción os compañeiros de noite, un axente ambiental, unha brigada e un camión motobomba. O axente seica foi o primeiro que coutou o incendio, ata que chegou a brigada. Era de noite e non había temperaturas altas, polo que non houbo un risco grande de que as lapas se propagasen", sinala o axente ambiental Ibo Vence.
A vítima do accidente foi trasladada ao hospital comarcal de Monforte, onde xa recibiu a alta. Tocante aos danos materiais, son cuantiosos. O vehículo que ardeu, pertencente a unha empresa de transportes lácteos de Chantada, estaba valorado en máis de 200.000 euros.
"Ao non haber danos persoais e non arder case nada o monte, pois non pasou nada. Sentímolo polo dono do camión, que é unha desfeita, pero non lle pasou nada a ningunha persoa, que é o importante", conclúe o garda forestal.
Mentres arrefríe, o vehículo permanecerá no lugar do sinistro, pendente de ser retirado por un guindastre.