Publicador de contidos

Publicador de contidos

Onde ver a final do Mundial? Busca aquí as principais pantallas xigantes de Galicia

Onde ver a final do Mundial? Busca aquí as principais pantallas xigantes de Galicia

Vilas e cidades galegas converten prazas e parques en bancadas para seguir o España-Arxentina 

A Galega, coa selección española: programación especial desde as 8 da tarde

Localidades galegas que terán pantalla xigante-G24
G24.gal 17/07/2026 10:17 Última actualización 18/07/2026 12:45

Apenas quedan unhas horas para que o balón comece a rodar en Nova Jersey, onde España buscará volver facer historia coa conquista do seu segundo Mundial e coa oportunidade de bordar una nova superestrela sobre o escudo. Mentres a selección ultima os preparativos para a gran final, a miles de quilómetros do MetLife Stadium, Galicia tamén vive xa a súa particular conta atrás. 

Concellos, deputacións e entidades locais traballan a contra o reloxo para converter as prazas, parques e auditorios en improvisadas bancadas nas que milleiros de afeccionados compartirán ilusión nervios e esperanza nunha das noites máis especiais que se lembran para o fútbol español. 

 

Galicia bótase á rúa pola segunda estrela 

A despregadura estenderase por boa parte da comunidade, con pantallas xigantes en auténticos puntos de encontro para a afección. Na Coruña, a final poderá seguirse desde a praza de María Pita, escenario habitual das grandes celebracións. Ferrol fará o propio na Praza de España. En Santiago de Compostela, a cita será na Praza Roxa, tras a petición da veciñanza para trasladar alí a retransmisión. 

En Lugo, a cita será na praza de Santa María, mentres que en Ourense repetirá o dispositivo das últimas eliminatorias con dúas pantallas xigantes, Situadas na Praza Maior e no paseo da Ribeira de Canedo, xunto á Ponte Romana. 

En Vigo a retransmisión poderá seguirse tanto no Auditorio de Castrelos como na praza da Estrela, e Pontevedra tamén contará cun espazo habilitado para vivir o encontro en comunidade: a Alameda.

A Mariña tamén vibrará coa selección 

A ilusión pola final tamén chegou á Mariña lucense, onde Viveiro, Burela e O Vicedo e Ribadeo insalarán pantallas xigantes para seguir o encontro. A maioría dos concellos apostan por prazas e espazos públicos para reunir a afección, mentres que en Ribadeo tamén se permitirá aos locais de hostalería colocar televisión nas terrazas e contribuír ao ambiente festivo. 

A final tamén se vive na Costa da Morte 

A Costa da Morte converterase nun dos grandes epicentros da final en Galicia. A comarca será a que concentre un maior númro de pantallas xigantes, cun total de dez concellos implicados para que se poida seguir o encontro sen saír da casa. 

En Bergantiños, haberá puntos de visionado en Carballo, A Laracha, Malpica, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, mentres que na zona de Soneira e Fisterra tamén se suman Vimianzo, Camariñas, Muxía e Cee. Cada concello habilitará un espazo público para que veciños e visitantes poidan seguir en directo a loita da selección polo seu segundo título mundial. 

A paixón pola final espállase por Galicia 

A celebración tamén chegará a outros puntos de Galicia. En Arousa, haberá pantallas xigantes en Vilagarcía de Arousa, Vilanova e A Illa de Arousa. No interior, A Estrada, Lalín, Silleda e Monforte de Lemos tamén reunirán a afección en distintos espazos públicos para seguir a final. 

A Galega, coa selección

 E para vivir ao máximo a emoción do Mundial de Fútbol, este domingo teñen unha cita coa Galega. A Televisión de Galicia estará na rúa, preto dos galegos e galegas coma sempre, para levarlles ás súas casas o ambiente dunha noite moi agardada.

Dende as oito da tarde do domingo ofrecerémoslles un programa especial dirixido por Irene Lourido e con puntos de directo e conexións por todo o país, buscando a praza máis animada. Un programa no que participará tamén o exfutbolista Dani Mallo.

Tamén terán toda a información en G24.gal e nas redes sociais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade