As impresións da final: ledicia, tristeza e a tatuaxe de De La Fuente
De La Fuente falou do orgullo que ten polos seus xogadores e 'staff'
Scaloni deixou caer a súa saída de Arxentina entre bágoas
Cucurella, Borja Iglesias e Baena falaron da promesa de tatuarse a cara do seleccionador
Despois da final do Mundial, os protagonistas falaron do ocorrido no encontro e do significado do mesmo. O seleccionador español, Luis De La Fuente, mostrou a súa "satisfacción, orgullo e a honra que é para el dirixir a estes xogadores". Tivo tamén verbas de agarimo para Ferrán Torres, goleador na final.
"A vida é xusta. A xente que traballa, pon empeño e que cando se cae se levanta, ao final a vida sempre llo devolve. Estou feliz de que fora o goleador e de que vaia a pasar á historia".
Tamén falou da charla previa á final. Díxolle aos xogadores que "tiñan unha cita coa historia" e arengounos a "ser os que chegaran primeiro".
Na outra cara da moeda temos a Lionel Scaloni. O seleccionador da 'albiceleste' falou do seu futuro despois do seu inesquecible ciclo con dúas Copas América e o Mundial 2022. Asegurou que en decembro ten pensado "relaxar" a pesar da intención da AFA de que continúe.
"Despois de decembro seguramente corte, a idea é relaxarme. Oxalá haxa alguén que teña a oportunidade no lugar onde todo arxentino quere estar. Para mín foi un pracer e un orgullo".
Os xogadores españois amosaron a súa ledicia. Pedro Porro comentou que "aínda non o cre" e agradeceulle o apoio a "todos os que estiveron dende o minuto un". Pola súa parte, nos distintos medios de comunicación, Cucurella, Borja Iglesias e Baena foron preguntados pola promesa de tatuarse a Luis De La Fuente. Os tres forno claros e aseguraron que o van facer, indo Baena un paso máis alá asegurando que el e Cucurella farano xuntos.
A inmensa emoción polo logro da segunda estrela verémolo hoxe na celebración polas rúas de Madrid. Poderase seguir na TVG a partir das 18:45, co especial 'Galicia coa Selección'.