O Banco de España eleva as previsións do crecemento en 2026 ao 2,3 % polo plan de resposta á guerra
Sobe a inflación prevista ata o 3 %, pero advirte que podería dispararse ao 5,9 % en función de como evolucione o conflito en Oriente Medio
Arquivo/Europa Press
O Banco de España elevou unha décima a súa previsión de crecemento para 2026, ata situalo no 2,3 %. Segundo o banco emisor, o impacto da guerra en Irán compénsase coa aceleración experimentada pola economía no cuarto trimestre e co plan de resposta deseñado polo Goberno para facer ronte ao conflito bélico.
O crecemento económico seguirase apoiando fundamentalmente na demanda interna (consumo e investimento), que achega tres puntos porcentuais, , mentres que a demanda externa (exportacións e importacións) restará 0,7 puntos.
Nos próximos trimestres seguirase creando emprego, aínda que a un ritmo máis moderado, do 2,2 % en 2026 (fronte ao 2,7 % de 2025), mentres que a produtividade por ocupado permanecerá débil e a taxa de paro reduciría o seu ritmo de mellora con respecto ao observado nos anos precedentes, ata situarse no 9,9 % neste exercicio.
A inflación dispárase
Sobre a taxa de inflación xeral media, espérase que en 2026 alcance o 3 %, nove décimas máis respecto ás proxeccións de decembro, mentres que a subxacente se situaría no 2,7 %, dúas décimas por encima.
Este maior crecemento reflicte, fundamentalmente, a traxectoria recente da inflación, xunto co incremento dos prezos enerxéticos a escala global, efectos que se verían compensados, en cinco décimas, pola redución da fiscalidade enerxética xa validada no Congreso.
Ademais, o Banco de España advertiu de que o shock enerxético elevará a taxa de inflación na segunda metade deste ano, de modo que o ritmo de crecemento dos prezos chegaría a alcanzar arredor do 3,3 % ao cabo de 2026.
Nun escenario adverso caracterizado por un aumento dos prezos do petróleo e da electricidade superior, o crecemento do PIB situaríase no 2,2 % en 2026 e no 1,5 % en 2027, mentres que a taxa de inflación alcanzaría o 3,9 % e o 2 % neses anos, respectivamente.
Nun escenario severo, de maior duración e intensidade do conflito bélico, en 2026 a expansión da actividade reduciríase ata o 1,9% en 2026 e o 1,1 % en 2027 e a inflación elevaríase ata o 5,9 % e o 3,2 % neses anos, respectivamente.