Morre aos 58 anos Gabi Ben Modo, un mito do balonmán galego
Desenvolveu case toda a súa carreira no Teucro pero tamén xogou no Academia Octavio, Chapela ou Ribeira
É un dos catro xogadores galegos que pasou dos mil goles (1.172) na Liga Asobal
O balonmán galego está de loito. Faleceu aos 58 anos Gabril Ben Modo, un xogador que marcou unha época e que está nos libros de historia da Liga Asobal. Co seu número 8 ás costas e na posición de pivote, Ben Modo é un dos deportistas máis recordados naquel escintilante balonmán galego da década dos noventa.
Desenvolveu case toda a súa carreira no Teucro pero tamén militou no Academia Octavio, no Chapela ou no Ribeira. Orixinario de Guinea Ecuatorial Ben Modo foi un xogador espectacular, dos que atraía o público ás pistas. Está no selecto grupo que conseguiu pasar a barreira dos mil goles na Liga Asobal e na que só están outros tres galegos: Suso Soliño (1.548), Rafa Dasilva (1.502), Juan Domínguez (1.263) e o citado Ben Modo con 1.172 goles.