Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os beneficios da banca son ordinarios, non extraordinarios, por María Cadaval

Os beneficios da banca son ordinarios, non extraordinarios, por María Cadaval

G24.gal 25/11/2022 08:50

A invasión rusa de Ucraína aboca á Unión Europea a novos desafíos económicos, políticos e sociais, sendo a inflación, os altos custos da enerxía e as taxas de interese crecente as maiores preocupación económicas neste momento. Para facer fronte ás  súas consecuencias, cada país adoptou o paquete de medidas que considera mellor para despregar o paraugas de axudas necesario para socializar as perdas que se están a producir. Neste contexto puxéronse de moda os chamados impostos extraordinarios, que foron adoptando case todos os países.

En  España comezouse falando dos beneficios caídos do ceo coma unha nova forma de obter recursos cos que poder implementar os plans extraordinarios contra os efectos derivados da guerra en Ucraína, baseados en que a conxuntura actual favorece as enerxéticas nun contexto de mercados marxinalistas que non foran pensados para esta situación.  Existe unha evidencia medible de que, efectivamente, se producen beneficios extraordinarios, polo que é xustificable un imposto transitorio a este sector. 

Caso distinto é o da “prestación patrimonial non tributaria á banca”, tamén coñecido como imposto extraordinario á banca, no que se grava co 4,8 % os ingresos netos por comisión e intereses aplicable a aquelas entidades que durante o ano 2019 sumaron unha marxe de interese e comisión de polo menos 800 millóns de euros en España. O debate sobre a procedencia deste gravame comezou cedo, pois ademáis de fomentar dúbidas sobre a igualdade e non discriminación, a retroactividade e a dobre imposición, a súa fundamentación carece de precedentes e antecedentes noutros países europeos homologables, onde non existen nin se formularon gravames deste tipo, que gravan os ingresos e non os beneficios. O Banco Central Europeo asegurou que o imposto á banca pode “distorcer a competencia do mercado” nun informe emitido o día 2 de novembro, no que ademáis recomendou que a proposta lexislativa vaia acompañada dunha análise exhaustiva das posibles consecuencias negativas que pode ter para o sector bancario. 

A diferenza do que sucede co sector enerxético, a primeira pregunta que nos debemos facer é se existen beneficios extraordinarios no sector bancario polo mero feito de que os tipos de xuro pasen de ser negativos a positivos. Acaso a normalización da política monetaria representa para a banca un negocio extraordinario ou é o seu negocio clásico e ordinario? Mais ben parece esta segunda a resposta correcta. Efectivamente, nos últimos anos, nun ámbito de tipos de interese negativos a banca tivo unha rendibilidade do capital por debaixo do seu custo en mais de catro puntos. É dicir, a ROE (rendibilidade por capital) estivo por debaixo do 7,3 %, que foi o custo de captar capital no 2021, e do 5,4 % no 2022, polo que non se pode falar de beneficios extraordinarios. Como así se reflectiu na caída do emprego e na cotización en bolsa das principais entidades financeiras. Ademais, unha suba de tipos trae consigo maior risco de morosidade, o que, sen dúbida, vai afectar ao balance, porque se fai necesaria a dotación de maiores provisións e fai diminuír o valor dos activos bancarios.

Así, pois, suba de tipos non é sinónimo de maiores beneficios e, o que é peor, o novo imposto non grava os beneficios extraordinarios senón os ingresos, cousa que non sucede en ningún outro país europeo salvo Hungría, que non debe ser o mellor espello no que mirarse. Os socios da UE que están considerando tamén a introducción dun imposto extraordinario fano sobre os beneficios, sen poñer en risco a situación financeira do país. 

As análises feitas até o momento apuntan a que o resultado pode ser diferente da intención inicial ao facer encarecer o crédito, o que se traduce nun maior custo financeiro para empresas e familias e pode incidir aínda mais na inflación e na desaceleración do crecemento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade