Levántase o veto do cultivo da pataca en 16 concellos pola couza guatemalteca
A prohibición segue vixente en seis concellos
Só quedan seis concellos galegos afectados pola couza da pataca. A Consellería do Medio Rural informou hoxe de que quedaron libres desta praga outros 16 concellos.
O concello de Fene é un dos 16 que xa van poder volver cultivar patacas, despois de que se certificara que neles non queda rastro da couza guatemalteca. A maioría dos que quedan libres da praga pertencen ás comarcas de Ferrolterra, da Terra Chá e da Mariña, segundo informou a Xunta tras unha nova xuntanza da comisión de seguimento da praga.
A Consellería do Medio Rural destaca os avances importantes no control da couza, que dá un paso máis cara á súa erradicación. O cultivo da pataca segue estando de momento vetado en seis concellos: Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada, nalgúns casos só en parroquias concretas.