Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo será sede do novo Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa de Indra

Vigo será sede do novo Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa de Indra

Creará máis de 200 empregos directos 

Instalarase no edificio 2 do Centro de Negocios da Zona Franca e estará operativo en 2026

G24.gal 01/07/2025 15:37 Última actualización 01/07/2025 16:20

Indra instalará en Vigo o seu novo Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa, unha infraestrutura de alta tecnoloxía que xerará máis de 200 postos de traballo directos e contribuirá ao valor engadido bruto da área viguesa con máis de 30 millóns de euros.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo e Indra asinaron este martes o acordo que permite poñer en marcha o proxecto. 

Un proxecto de alta tecnoloxía e impacto económico

O novo centro situarase no VgoTIC global HUB, que a Zona Franca constrúe no complexo de López Mora. Ocupando o edificio 2 do Centro de Negocios, terá 2.390 metros cadrados repartidos en sete plantas.

Contará con laboratorios e oficinas nas que traballarán máis de 200 profesionais altamente cualificados, en boa parte procedentes de universidades galegas.

Segundo informou o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, está previsto que as obras rematen a mediados de 2027, aínda que desde Indra emprazan a reducir prazos para comezar a operar a finais de 2026.

Regades tamén destacou o impacto económico do proxecto: segundo estimacións da cátedra Ardán, o centro achegará un valor engadido bruto anual directo de 12 millóns de euros, 4 millóns indirectos e 14 inducidos, superando en conxunto os 30 millóns de euros. O emprego total xerado, contando postos directos, indirectos e inducidos, superará as 650 persoas.

Un centro estratéxico para a defensa e a tecnoloxía

A secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, sinalou que este proxecto representa “un paso máis na construción da defensa do século XXI” e responde ao modelo de industria que busca o Ministerio: tecnolóxica, xeradora de emprego e cohesionadora do territorio.

Valcarce enmarcou o centro dentro do Plan Galicia, co que o Goberno estatal aposta pola comunidade, por Vigo e pola súa universidade. Destacou o potencial do centro como espazo de innovación aberta, xerador de investimento e talento.

Desde Indra subliñaron que Vigo é “un polo tecnolóxico e industrial importante” e puxeron en valor a colaboración coa Universidade de Vigo, coa que xa manteñen unha cátedra. A empresa confía en que Galicia, Vigo e a Zona Franca resulten unha localización atractiva para captar talento.

O centro especializarase en tecnoloxías avanzadas e solucións estratéxicas para a defensa, como defensa electrónica, vixilancia electrónica, mando e control estratéxico e sistemas antidrón.

Sinerxias con SPARC

O novo centro de Indra manterá sinerxías coa futura fábrica de semicondutores fotónicos de SPARC, que entrará en funcionamento en 2027 no Parque Tecnolóxico de Valadares. Indra é o socio maioritario desta planta, na que tamén participa a Zona Franca.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acolleu con entusiasmo a chegada de Indra, que ve como unha mostra do carácter vangardista da cidade e unha oportunidade para atraer proxectos de tecnoloxía avanzada e emprego de alta calidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade