O Goberno destina 200.000 euros á investigación de enfermidades con peixe cebra na USC
O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades concede esta axuda para á investigación de tumores, toxicidade e enfermidades raras
Coñeceuse esta semana que o Ministerio concedeu unha axuda de 200.000 euros á USC para que afonde nas investigacións que se fan co peixe cebra, un estudo que se desenvolve no grupo Acuigen no que hai tres liñas de investigación co peixe-cebra centradas nos tumores, na toxicidade e nas enfermidades raras.
A axuda é duns 200.000 euros e con ela poderase, como mínimo, dobrar o número de acuarios necesarios para optimizar as investigacións que se están levando a cabo no laboratorio, centradas en tres liñas: a investigación de tumores, estudos de toxicidade e, tamén, de enfermidades raras.
Para Pablo Cabezas, o investigador principal do grupo Acuigen, "esta axuda é moi importante" porque facilitará que se multipliquen os recursos destinados aos estudos nos que "se buscan resultados dos que se poida beneficiar a sociedade".
O peixe cebra utilízase moito como modelo en investigación biomédica, tanto no seu estado embrionario e larvario coma na súa fase adulta. O seu xenoma é similar ao humano nun 70% e o seu uso permite, ademais de obter información sobre como poden afectar os tóxicos e contaminantes ambientais ás persoas, reducir o uso doutros animais de experimentación.