Un gato da Limia que viaxa ata Moscova
Miquits, un divertido personaxe de banda deseñada concibido na editorial Antela, triunfa entre os lectores rusos e proximamente será traducido tamén ao inglés, para viaxar aos Estados Unidos
Unha proba de que a creatividade galega traspasa fronteiras
Miquits é un gato lacazán e divertido que, ademais, fala idiomas. Empezou co galego, pero xa se expresa tamén en castelán, en portugués, e agora en ruso. O seu nome en alfabeto cirílico conquista os lectores máis novos da distante Rusia.
Alba de Evan, Antela Editorial: "O primeiro xa leva un tempiño no mercado e chegou a esgotarse. Cando lles ofrecemos o segundo volume, quixérono ao momento, así que pensamos que está funcionando ben".
Buscamos as claves do éxito. Como chegar a un público aparentemente distante desde o punto de vista cultural.
"Que é unha historia cómica, que iso sempre lles gusta aos nenos. Ademais, trata de maxia e de bruxas, que no folclore ruso é algo moi popular, como aquí. E o protagonista é un gato, que non falla nunca", sinala Alba.
O éxito confirma a filosofía desta parella, que en plena pandemia apostou por unha editorial, Antela, cen por cento galega e asentada no rural.
Xabier Domínguez, Antela Editorial: "Iso é algo que nos enorgullece: unha historia feita desde o rural e en galego, pode chegar a calquera parte do mundo".
En 2027 publicarase en inglés, para distribuír nos Estados Unidos e en Australia, ao outro lado do mundo.