Nace en Lugo a Plataforma de Porcino de Cría Tradicional
Os produtores en extensivo agrúpanse nun colectivo en defensa dun sector en crise por mor da peste porcina africana
Á gran competencia das explotacións industriais, engádese un novo escenario que afoga as granxas de cochos en extensivo. Trátase do endurecemento das condicións de bioseguridade para lle facer fronte ao risco sanitario que supón a peste porcina africana. Por esta razón, os gandeiros afectados decidiron fundar en Lugo unha Plataforma de Porcino de Cría Tradicional.
"A peste procina africana aféctanos de forma directa. Obríganos a ter un dobre peche, o cal incrementa os custos e reduce a pouca gañancia que imos obter. Cada vez é máis complicado para unhas explotacións pequenas como son as nosas", lamenta Anxo Ginzo, produtor de porco celta.
"O vector de transmisión é o xabaril. Temos unhas altas densidades en Galicia, e o problema é que entre en contacto co porco que nós criamos. O que se está facendo é impoñer unhas maiores esixencias tocante ao tipo de peches", explica a enxeñeira agrónoma Cristina Díaz.
Aos criadores en extensivo esíxenlles levantar un dobre valado que impida o contacto do seu gando co porco bravo, o que supón un incremento nos custos de produción nun marco de crise global. Aínda que a maioría dos integrantes se dedican aos cochos de raza autóctona, o colectivo está aberto a aqueles produtores de cría tradicional que queiran unirse e facer así unha maior forza na defensa das súas demandas.
"Sabemos como é a burocracia neste país, cuns trámites moi longos. Se acode alguén de forma individual á administración, escóitano por educación, nada máis", sinala Javier Paz, criador de porco celta.
"O que queremos é abrir esta plataforma a todas aquelas explotacións que, independentemente da raza que teñan, que compartamos esa forma de traballar en extensivo e que teñamos agora mesmo os mesmos problemas", engade Cristina Díaz.
Os seus membros, apenas unha decena, agardan que a nova plataforma dea lugar a unha futura asociación para traballar a prol do colectivo.