Irán ataca a embaixada dos EUA en Bagdad tras os bombardeos contra O Líbano e Teherán
O segundo ataque en 48 horas contra a legación diplomática conclúe sen vítimas
Israel pídelle á poboación que se poña a salvo e evacúa unha franxa duns 45 quilómetros situada na fronteira co Líbano
Columnas de fogo e fume divisábanse este luns pola noite tras o ataque contra a embaixada dos EUA en Bagdad (Reuters)
Mísiles e drons foron lanzados este luns pola noite contra a embaixada dos EUA en Bagdad no que é xa o segundo ataque en 48 horas que sofre a delegación diplomática. O incidente concluíu sen vítimas, pero eleva a tensión, coincidindo cunha nova xornada de bombardeos norteamericanos e israelís contra O Líbano e Irán.
O exército hebreo asegura que está preparado para actuar contra infraestruturas iranianas tras detectar un número indeterminado de mísiles lanzados por Teherán contra o seu territorio. Pídelle á poboación que se poña a salvo e evacúa unha franxa duns 45 quilómetros situada na fronteira co Líbano, mentres informa da chegada de reforzos en plena operación terrestre para desmantelar as infraestruturas controladas pola guerrilla de Hezbollah.
"Instámolos novamente a evacuaren os seus fogares de inmediato e trasladarse ao norte do río Al Zaharny sen demora", publicou un portavoz do exército israelí en redes sociais.
Os Emiratos Árabes Unidos, mentres, anuncian o peche temporal do seu espazo aéreo tras sufrir unh anova vaga de ataques e informan da morte dun cidadan paquistaní tras estourar os restos dun mísil interceptado na área de Baniyas
O presidente norteamericano Donald Trump afirma que a guerra rematará pronto, pero segue sen atopar apoios para vixiar o estreito de Ormuz. Este martes, a Axencia Británica de Operacións Comerciais e Marítimas alertou dun novo ataque contra un buque cisterna nesa zona, que se suma a outros vinte sufridos nesta área desde que comezou o conflito, unha área pola que circulan en tempos de paz o 20 por cento do crú e do gas mundial.
O presidente do Consello Europeo António Costa considera que frear a guerra e recorrer á diplomacia é a única forma de garantir a liberdade de navegación polo estreito de Ormuz, cuxo bloqueo se debe a unha guerra da que a UE non forma parte.
Entretanto, o prezo do cru segue polas nubes. O barril de brent de referencia en Europa continúa este martes por riba dos 100 dólares, sen que de momento a diplomacia consiga frear unha escalada de consecuencias imprevisibles.