Cuba sofre un novo apagamento nacional, o sexto en ano e medio
A situación enerxética agravouse nos últimos meses tras a intervención dos EUA en Venezuela e o bloqueo imposto á propia illa
Reuters
Cuba sufriu este luns un novo apagamento nacional, o sexto en apenas ano e medio, informou o Ministerio de Enerxía e Minas.
"Produciuse unha desconexión total do Sistema Eléctrico Nacional (SEN), investíganse as causas e comezan a activarse os protocolos para o restablecemento", explicou en redes sociais o MInisterio de Enerxía e Minas..
As tarefas de restablecemento do SEN son un procedemento lento e laborioso que nas últimas ocasións levou días. O Sistema Eléctrico Nacional desconéctase de novo por completo apenas unha semana despois dun apagamento masivo que deixou a seis millóns de cubanos sen corrente. A grave crise enerxética de Cuba, é evidente desde mediados de 2024, e agudizouse tras o bloqueo petroleiro dos EUA que comezou en xaneiro.
Antes desta nova "desconexión total" do Sistema Enerxético Nacional a situación xa era crítica na illa, con apagamentos dunhas 15 horas diarias na Habana e períodos continuos sen corrente de ata dous días nas provincias.
A actividade económica está case totalmente paralizada e o descontento social vai en aumento: nos últimos días sucedéronse as protestas en distintas cidades do país, polo menos una das cales acabou de forma violenta e con detencións.
O primeiro apagamento nacional tivo lugar o 18 de outubro de 2024 por un fallo na termoeléctrica Antonio Guiteras, unha das maiores do país, ao que seguiu o do 6 de novembro, tras o paso do furacán Rafael con categoría 3 (de 5) na escala Saffir-Simpson polo occidente do país.
O terceiro rexistrouse en decembro de 2024, tamén tras unha avaría na Guiteras e en marzo do ano pasado ocorreu o cuarto apagamento nacional tras a avaría nunha subestación. En setembro de 2025 rexistrouse o quinto, a raíz, de novo, dun problema en Guiteras. En todos os casos custou días reconectar o SEN e máis tempo aínda reestablecer o servizo en toda a illa.
A situación estrutural do SEN é crítica por dous motivos. O primeiro son as frecuentes avarías nas obsoletas centrais termoeléctricas do país (hoxe nove das 16 unidades de xeración destas infraestruturas están avariadas ou en mantemento).Expertos independentes consideran que o saneamento completo do SEN precisaría entre 8.000 e 10.000 millóns de dólares.
O segundo motivo é a falta de combustible para os motores de xeración, que empregan diésel e fueloil. Desde hai anos o Goberno cubano tiña problemas para importalo polas súas dificultades para xerar suficientes divisas. A isto hai que engadir desde xaneiro o bloqueo petroleiro dos EUA, que está a presionar á illa desta forma para levala a realizar reformas, principalmente económicas.