Recuperan castiñeiros que arderon hai tres anos no incendio do Courel
A Asociación Galega das Castañas e os Soutos organiza unha xornada para reinvindicar a importancia destas árbores, tan presentes na paisaxe da zona
A intención dos membros da Asociación Galega das Castañas e os Soutos é que os castiñeiros volvan formar parte da paisaxe do Courel. Así o explica José Antonio Flores, membro deste colectivo: "O que intentamos é recuperar un souto que ardeu nos incendios que asolaron esta zona no ano 2022. Imos recuperalo enxertándoo. É tamén unha xornada reivindicativa porque os soutos tradicionais están desaparecendo de Galicia e desde a nosa asociación fomentamos tanto as novas plantacións coma a recuperación dos soutos vellos".
O primeiro é aprender a facer o enxerto. Marcial Lobeiras, integrante da asociación que defende as castañas e os soutos, amosa un dos enxertos que preparou durante o inverno e aclara que "está verde, non secou e agora imos enxertalo sobre un castiñeiro bravo e dentro duns anos teremos unha árbore coa variedade que queremos". Tamén o experto en enxertos Santiago Ramos ensina que os castiñeiros híbridos non acostuman dar castañas "e que a xente prefire as variedades autóctonas, que dan uns froitos máis doces".
Esta acción forma parte dunha iniciativa para recuperar os castiñeiros danados polo incendio do Courel de hai tres anos. Matiza o presidente da asociación, José Antonio Liñares, que o castiñeiro "cuns coidados moi básicos é unha planta moi agradecida, pero quedou abandonada ao longo de dúas xeracións".
Pola súa banda, o integrante desta agrupación de voluntarios e veciños do Courel Orlando Álvarez considera que a recuperación deste souto "vai ser un exemplo para recuperar a autoestima por volver ter castiñeiros"
En tres anos verase o froito do traballo realizado nesta xornada.