Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Festa do Viño Tinto de Ribadumia amosa os mellores Barrantes e caldos autóctonos do Salnés

A Festa do Viño Tinto de Ribadumia amosa os mellores Barrantes e caldos autóctonos do Salnés

Oito homes e unha muller foron escollidos como valedores deste caldo híbrido que está en proceso de regularización

G24.gal 08/06/2025 21:10

En Ribadumia rematou a cincuenta e dúas edición da festa do viño de Barrantes, onde tamén se exaltaron outras variedades de tinto autóctono do Salnés. Oito homes e unha muller foron escollidos como valedores deste caldo híbrido que está no proceso de regularización.    

Ramón Mouriño guíanos pola carpa dos adegueiros. Leva 24 horas pertencendo á Orde dos Valedores dos Viños Tintos do Salnés, unha comarca onde o viño máis afamado e comercializado é un branco, o Albariño. Esta festa, amais das gaitas, das orquestras, do polbo ou da empanada, pon en valor dous caldos tintos o Barrantes, que está en proceso de regularización, e outras variedades autóctonas non moi coñecidas pero que pertencen á denominación das Rías Baixas.   

"Dicía un viticultor: todo o mundo produce Albariño, pero todo o mundo garda a súa parra de tinto para facer ese viño para a casa, para regalarlles aos amigos máis importantes, para acompañar o cocido, o polbo ou determinadas carnes. Leva moitísimos anos e segue estando presente en moitísimas mesas. Por algo será", conta Ramón Mouriño, valedor da Orde do Viño Tinto do Salnés.

O noso cicerone preséntanos a Marisa. Seu pai sempre fixo Barrantes e ela, coma el, acabou sendo adegueira deste tinto.

"Cando faleceu meu pai eu non sabía moito de viño, pero funme metendo e pouco a pouco fun acadando algo. Eu penso que meu pai, se estivera aquí hoxe, estaría orgulloso de min. Cada un ten seu viño. Eu non desprezo a ninguén. Pero a xente chega ao meu posto e di, de todo isto o mellor é o teu. E iso dáche unha satisfacción", comenta Marisa Cousido, propietaria da Adega Maravilla.

Seguinte parada nun viño da variedade autóctona Caíño, o Cabalaria do Lagar o Parral, que esta edición foi o segundo clasificado na cata do sábado.

"Son moitos anos de traballo que levamos con isto. Houbo un primeiro proceso de buscar o sitio, e de amañar os terreos. Levamos dez anos con este viño e agora está empezando a dar os seus froitos. Estes viños autóctonos hóuboos sempre e hai que tentar recuperalos e non perdelos, claro", aclara Xesús Seijas, propietario do Lagar o Parral.

Non perdelos e melloralos. Sen humidade e con viñas ben orientadas ao sol e contra o vento, en altitude, o mito de que o tinto do Salnés ten acidez comeza a esfumarse. O que si segue sendo certo é que o Barrantes é o que máis mancha a cunca. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade