O Banco Sabadell presenta beneficios históricos e tenta convencer os accionistas para que non vendan ao BBVA
O Banco Sabadell presenta beneficios históricos e tenta convencer os accionistas para que non vendan ao BBVA
Acada un beneficio histórico de 975 millóns ata xuño e mellora un 23,3 % respecto ao primeiro semestre de 2024
Anuncian a repartición entre os accionistas de 6.300 millóns nos próximos 3 anos
Pídenlle aos seus accionistas que non vendan as súas accións ao BBVA

O Banco Sabadell resístese á OPA hostil formulada polo BBVA.
Este xoves presentaron os resultados do primeiro semestre, cun beneficio neto de 975 millóns ata xuño, o que supón un aumento do 23 por cento.
Tamén anunciaron unha estratexia de crecemento e de beneficios para os seus accionistas: vai repartir entre eles 6.300 millóns nos próximos 3 anos.
Desta forma pretenden convencelos de que non vendan as súas accións ao BBVA na OPA que se vai activar este verán.
A pesar da baixada dos tipos de xuro, a marxe de xuros situouse en 2.425 millóns de euros, un 2,7 % menos que no primeiro semestre de 2024. En paralelo, a concesión de hipotecas incrementouse un 44 %, ata os 3.462 millóns.
A rendibilidade (RoTE) do grupo que preside Josep Oliu medrou ata o 14,4 %, fronte ao 13,1 % de xuño de 2024. No mesmo día, o banco presentou un novo plan estratéxico que se estende ata 2027.
“Un trimestre máis, e xa van 18, superamos as expectativas do mercado. Isto é indicativo do que seguiremos facendo nos próximos anos”, asegurou o conselleiro delegado, César González-Bueno.
Os ingresos do negocio bancario, que inclúen a marxe de xuros e as comisións netas, alcanzaron os 3.119 millóns de euros ata xuño, cun descenso interanual do 1,5 %. Esta caída compensouse parcialmente cunha redución do 0,3 % nos custos, que se situaron en 1.510 millóns.
As comisións netas medraron un 3 %, ata os 694 millóns de euros, impulsadas polos negocios de xestión de activos e seguros.
Crédito e capital en España
En España, o investimento crediticia bruto vivo aumentou un 6,1 % en termos interanuais e un 3,6 % respecto ao trimestre anterior, con crecemento en todos os segmentos, especialmente no crédito a empresas e na carteira hipotecaria.
A produción de crédito a empresas (financiamento a medio e longo prazo máis liñas de crédito) alcanzou os 10.394 millóns de euros entre xaneiro e xuño. A cifra mantense en liña co ano pasado, pero destaca unha repunta do 30 % no último trimestre.
Beneficios tamén na filial británica
A filial británica TSB acadou un beneficio neto individual de 139 millóns de libras (160 millóns de euros), un 77,2 % máis que no primeiro semestre de 2024, grazas á evolución da actividade comercial e ao control de custos.
O vindeiro 6 de agosto, unha dobre xunta extraordinaria de accionistas decidirá se aproba a venda do TSB e un dividendo de 2.500 millóns de euros vinculado á operación.