A autovía entre Vigo e O Porriño xa é oficialmente a estrada máis perigosa de España
En apenas 11 quilómetros, a DXT localiza sete tramos cun risco moi alto de sufrir un accidente
As medidas tomadas nos últimos anos, como a instalación de radares, ata seis, non están a ser suficientes para reducir a sinistralidade
A vía xa acadou o seu nivel de saturación ao superar os 65.000 vehículos diarios. Isto xunto o seu trazado en pendente e con curvas, condena a A-55 entre Vigo e O Porriño a ser líder nacional en sinistralidade, con máis de mil accidentes nos últimos tres anos.
O incremento da vixilancia neste tramo con patrullas e un dos maiores despregamento de radares de toda España son insuficientes e os accidentes van en aumento.
A solución proposta polo goberno central pasa pola construción dun túnel de máis de catro quilómetros como prolongación desde a A-52 ata a entrada a Vigo, e descarta a gratuidade da AP-9 sen apenas tráfico entre Puxeiros e O Porriño.
En apenas once quilómetros de percorrido a DXT declara sete tramos de concentración de accidentes. Fóra de Galicia só a AP-7 en Cataluña iguala esta cifra pero nun percorrido de 35 quilómetros.