Os produtores de Coristanco queren unha marca para distinguir a súa pataca no mercado
A pataca de Coristanco cultívase en secaño e trabállase á man, por iso din que ten un engadido de calidade
Os vinte produtores da asociación APROPACO contan apañar este ano arredor de 1.500 toneladas
A auga que pedían no verán para que engordasen as patacas en Coristanco chega na colleita, para mollalas cando teñen que secar. Os produtores contan apañar menos quilos este ano por esa falta de auga, que, en cambio, mellorou a calidade.
"Ao ter menos auga, a calidade é moi boa", di Juan Ramón Sanjurjo, presidente da asociación de produtores. E explica que a calidade é o que os fai competitivos no mercado. "Nestas zonas temos os terreos moi pequenos, o de facer quilos non é a nosa guerra, temos que competir coa calidade para ter maior prezo e que sexa rendible".
Cultivan a Kennebec, a que din que é a mellor variedade do mundo, en secaño, que dá menos quilos, e traballándoa á man para que non se mace, así que é unha produción custosa. A cambio, sacan da terra a xoia das patacas:
"Unha das cousas que máis valoran é que sexa branca. É unha pataca con moito amidón, de pel fina, e moi saborosa. E ten a vantaxe de que frite ben e coce ben", eloxia Sanjurjo.
Os produtores agrupáronse para poder vendela mellor e chegar a quen a pague, como a alta restauración ou as tendas de produtos selectos. Fóra das primeiras semanas, que o prezo vai algo máis alto, podemos compralas arredor de 1,80 euros o quilo.
Laura Pose, propietaria dunha tenda de alimentación en Coristanco, confirma que esta pataca se paga e se valora máis, 20 ou 30 céntimos por riba da outra. E os clientes devecen por ela, así que pagan o sobrepezo sen problema, di Laura.
Pagan sen problema para levar a auténtica pataca de Coristanco. O caso é que os produtores temen que con ese nome estean vendendo o que non é.
"Moitas froiterías teñen o letreiro porque é o que vende, é como o pemento de Herbón ou o grelo de Monfero", denuncia Juan Ramón Sanjurjo.
Por iso traballan na creación dunha marca de garantía. "Para que cando a xente vexa ese logo saiba seguro que é pataca de Coristanco", di.
Os vinte produtores da asociación contan coller cousa de 1.500 toneladas de pataca de Coristanco este ano. No mercado, poderemos atopala máis ou menos ata marzo.