Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cuba sofre unha nova apagada nacional, a quinta en menos de dous anos

Cuba sofre unha nova apagada nacional, a quinta en menos de dous anos

O corte afectou máis de nove millóns de persoas e atribúese a un fallo na central Antonio Guiteras

As tarefas de restablecemento poderían prolongarse varios días, como en anteriores ocasións

G24.gal 10/09/2025 16:51

Cuba quedou este mércores sen electricidade en todo o país tras unha nova apagada nacional, a quinta en menos de dous anos, segundo confirmou a estatal Unión Eléctrica (UNE).

O corte, que afecta máis de nove millóns de persoas, produciuse ás 9:14 da mañá (13:14 GMT), aparentemente por unha avaría na central termoeléctrica Antonio Guiteras de Matanzas, unha das principais da illa.

O Ministerio de Enerxía e Minas informou en redes sociais que se produciu unha “desconexión total do sistema Erléctrico” e que xa se iniciou o proceso de restablecemento. Trátase dun procedemento lento, que require activar primeiro fontes de arranque sinxelo —solar, hidroeléctrica e motores— para ir dando servizo a pequenas áreas e, a partir de aí, alimentar as termoeléctricas e devolver progresivamente a normalidade.

Un sistema ao límite

O domingo pasado xa se producira unha caída parcial que deixou sen luz cinco provincias orientais por horas tras a rotura dun cable de alta tensión.

Ademais das avarías, as apagadas por falta de capacidade de produción son habituais e agraváronse nos últimos meses: en xullo e agosto a media dos cortes foi de entre 15 e 16 horas diarias, segundo a UNE.

As centrais térmicas cubanas están en gran parte obsoletas e operan cun déficit crónico de mantemento e investimento, mentres decenas de motores quedan a diario fóra de servizo pola falta de combustible.

Expertos independentes sinalan un baixo financiamento estrutural desde 1959, mentres o Goberno acusa as sancións de Estados Unidos de provocar unha “asfixia enerxética”.

Necesitan máis de 8.000 millóns para reflotar o sistema

Estímase que Cuba precisaría entre 8.000 e 10.000 millóns de dólares para reflotar o sistema eléctrico, unha cifra inasumible na actualidade.

A economía nacional caeu un 1,1 % en 2024 e acumula un retroceso do 11 % nos últimos cinco anos. A CEPAL prevé outro exercicio negativo en 2025.

Os cortes, ademais de lastrar a actividade económica, aumentan o malestar social e estiveron na orixe dalgunhas das principais protestas recentes, como as de xullo de 2021, as de agosto de 2022 en Nuevitas e A Habana, ou as de marzo de 2024 en Santiago de Cuba e outras cidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade