Lonza Porriño reforza a aposta por Galicia coa ampliación das súas instalacións
A multinacional suíza, unha das líderes mundiais na fabricación de fármacos por contrato, só ten unha planta en España, que é a do Porriño
O presidente da Xunta comprometeu un plan que prevé mobilizar 662 millóns para que Galicia sexa referente europeo da biotecnoloxía
A multinacional suíza Lonza, unha das líderes mundiais na fabricación de fármacos por contrato, vai ampliar as instalacións da súa planta do Porriño, a única que ten en España.
Quere así aumentar as súas capacidades para fabricar novas terapias biotecnolóxicas que salvan vidas en todo o mundo.
Lonza Porriño suma 2.000 metros cadrados ás súas instalacións loxísticas para poder atender as necesidades dos seus clientes.
Aquí producen os ingredientes principais de terapias contra o cancro e enfermidades raras que se aplican en todo o mundo.
O director de Lonza Porriño, onde traballan actualmente 540 persoas en empregos de alta cualificación, asegura que este investimento demostra a súa confianza no sector biotecnolóxico galego.
"É un sector importante no eido económico e tamén na saúde das persoas a nivel mundial. Estamos exportando coñecemento de Galicia a todo o mundo", dixo Fernando Rodríguez.
Nunha visita ás instalacións do Porriño este venres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu a aposta do seu Gonberno por consolidar Galicia como rerefente europeo da biotecnoloxía, cun plan que prevé mobilizar 662 millóns de euros.
"O obxectivo é que actividades de alto valor engadido que supón todo o relacionado coa biotecnoloxías grazas a empresas como Lonza poidan seguir medrando aquí", afirmou Rueda.