Publicador de contidos

Publicador de contidos

Este luns comeza a campaña da DXT de vixilancia especial de pneumáticos e luces

Este luns comeza a campaña da DXT de vixilancia especial de pneumáticos e luces

A DXT e a Garda Civil de Tráfico en Galicia activan este plan especial de vixilancia coincidindo co cambio de hora e o inicio do empeoramento das condicións meteorolóxicas

Os paneis de mensaxería variable da rede de estradas tamén avisarán deste reforzo da vixilancia

G24.gal 26/10/2025 12:00 Última actualización 26/10/2025 13:22

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Garda Civil de Tráfico en Galicia activarán este luns una campaña de vixilancia especial de pneumáticos e luces dos vehículos coincidindo co cambio de hora e o inicio do empeoramento das condicións meteorolóxicas.

A campaña ten como obxectivo reforzar a mensaxe da necesidade de revisar o estado dos pneumáticos dos vehículos para garantir a adherencia, e das luces para ver e ser vistos polo resto de usuarios da vía, explica a Delegación do Goberno nun comunicado.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto destes dous elementos de seguridade do vehículo.

Os paneis de mensaxería variable da rede de estradas tamén avisarán deste reforzo da vixilancia.

A DXT lembra que luces e pneumáticos son especialmente relevantes no caso das motocicletas e peóns, os usuarios vulnerables das estradas. Advirte de que este ano morreron dez peóns e dezanove motoristas en accidentes de tráfico nas vías interurbanas de Galicia.

Respecto aos pneumáticos, apunta que é recomendable que a profundidade das fendas teña como mínimo 3 milímetros e sinala que o límite legal é de 1,6 milímetros.

En canto ás luces, aconsella prestar unha atención especial á utilización, o mantemento e a regulación dos faros para conseguir dispoñer de luz abonda sen cegar a quen circule polas mesmas vías públicas.

A DXT recomenda que nesta estación do ano os vehículos leven as luces acesas mesmo de día porque así son visibles a maior distancia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade