Besteiro pon o supermercado de Pol como exemplo de políticas a prol do rural
O líder do PSdeG considera que este negocio, o primeiro municipal de Galicia, axuda a fixar poboación
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou na reapertura do supermercado municipal de Pol facendo a compra, nun xesto simbólico co que quixo poñer en valor a importancia de garantir servizos básicos no rural como condición para fixar poboación.
O líder socialista defendeu un modelo no que, con independencia do lugar no que se viva, a cidadanía poida acceder a servizos esenciais.
"Os socialistas non cremos nunha Galicia a dúas velocidades, nin nun país dividido entre o rural e a costa", asegurou.
O novo supermercado de Pol, o primeiro municipal de Galicia, abre de novo as súas portas tras dous anos de peche, un período no que a veciñanza tiña que desprazarse entre doce e quince quilómetros para facer a compra.
O Concello pon agora en marcha o servizo, que conta con carnicería e produtos frescos, para garantir o acceso a produtos básicos sen obrigar a poboación a marchar.
"Fixar poboación tamén é isto: ter servizos, poder abastecerse no día a día no propio concello e vivir con dignidade", sinalou.
Segundo Besteiro, a crise demográfica existe e só se combate con feitos concretos e políticas útiles pegadas á realidade do territorio.
Considera que este tipo de iniciativas exemplifican a forma de entender a xestión pública por parte do socialismo: "poñer os recursos ao servizo da xente, responder ás necesidades reais e coidar o territorio".
Ao seu xuízo, o rural ten futuro "cando hai vontade política e compromiso coa igualdade de dereitos".