Como é o primeiro día de clase nun colexio do rural galego?
Cunha ratio de 15 alumnos por aula, o CEIP de Xunqueira de Ambía defínese como un centro familiar
Custa ata saír do coche, despedirse da nai e soltarlle a man tras dous meses e medio de convivencia intensiva. Cruzar de novo as portas do colexio, mochila ás costas, para emprender o curso.
"Estaba nerviosa porque é o meu último ano aquí e quería disfrutalo". "Eu prefería o verán, porque no colexio traballamos máis". "E o de levantarse ás sete da mañá non é bo", comentan varios alumnos.
Unha vez dentro, todo é máis fácil. Aí están os compañeiros do curso pasado. É o momento de poñerse ao día coas novidades do verán.
"Para min é o día máis divertido porque non traballamos case nada", di unha nena.
Nas aulas, é día de presentacións. As profes aproveitan as experiencias do verán para romper o xeo.
"Estamos falando de como nos foi o verán e presentámonos porque hai dous nenos novos", explica un dos alumnos.
Tamén é un día complicado para pais e nais. Nas idades máis temperás, hai un proceso de adaptación que non sempre resulta sinxelo.
"Custa un pouco porque hai que separarse e é emocionante". "Eu estou tranquila. Confío moito no director e nos profes", din dúas nais.
Tamén empeza o curso, claro, para os docentes, en moitos casos, son, ademais, pais ou nais.
"Teño dúas fillas aquí. E moitas ganas de ver os meus alumnos porque é o segundo ano con eles", di Bea, profesora do CEIP de Xunqueira de Ambía.
Aquí a ratio está nuns quince alumnos por aula, o que lles facilita o traballo.
Javier Pérez Gallego, director do CEIP de Xunqueira de Ambía: "Procuramos que sexa unha atención moito máis personalizada. Temos un contacto moito máis próximo coas familias e co propio alumnado".
Menos matrículas
Este curso, hai matriculados en Galicia catro mil alumnos menos que o ano pasado, desde Infantil ata o Bacharelato. É a pimeira vez que baixamos dos 300 mil estudantes, vinte mil menos que hai dez anos.