Alarma en Lugo polo incendio nunha nave industrial que deixa importantes danos materiais
Non houbo feridos, e o traballo dos efectivos de extinción evitou que o lume se propagase a outras naves do polígono industrial
Nada transcendeu das causas do incendio, que comezou pola noite
É o terceiro grande incendio no polígono nos últimos catro anos
Os servizos de extinción lograron controlar o incendio declarado na nave da empresa Ludecar (Lucense de carretillas) do polígono do Ceao, en Lugo. Declarouse contra as nove e media da pasada noite, e os bombeiros lograron evitar que se estendese ás naves lindeiras.
Varios particulares que se atopaban no lugar informaron ao 112 Galicia de que estaba a arder maquinaria nunha nave situada na rúa dos Transportes. Segundo explicou un dos alertadores, as lapas eran visibles por enriba da cuberta da nave, lindeira con outras instalacións industriais, mais ningunha persoa foi afectada.
Os danos materiais foron cuantiosos
No seu interior gardábanse trinta destes aparellos, catro vehículos, ordenadores ou repostos altamente inflamables, como baterías de litio.
Varias dotacións dos bombeiros municipais estiveron a traballar durante máis de tres horas na extinción das lapas, nun incendio cunha alta carga térmica.
"Pneumáticos, baterías, lubricante para as válvulas, aceites, moitos cartóns da embalaxe dos filtros... Todo ese material. E encontrámonos cunha nave pechada, polo que o acceso sempre te retarda un pouco", explica Francisco Otero, cabo dos bombeiros de Lugo
Tres dotacións dos Bombeiros de Lugo desprazáronse ata o lugar e actuaron de maneira simultánea: mentres uns combatían o lume, outros evacuaron os traballadores de Talleres Ramos, situados na nave contigua, e puxeron a salvo os camións que aínda se atopaban no seu interior.
"Dentro tiñamos carretillas elevadoras nosas e de clientes, que había bastantes. E despois tiñamos tamén os coches taller, nos que nos desprazamos para as reparacións, ademais de todos os recambios e o material de oficina", afirma Jorge Díaz, empregado de Ludecar
"É imposible determinar unha causa. Pode ser dende algo que quedara nun motor térmico acendido a unha carretilla eléctrica. Había máis de trinta máquinas diferentes, e non podemos saber que puido pasar", explica Manuel Navia, empregado de Ludecar
Pendentes aínda de valoración, estímase que as perdas económicas ascenden a centos de miles de euros. A isto hai que engadir os danos nos locais lindeiros, como un taller de vehículos industriais, unha nave de palés e outra de transportes, danos que foron minimizados pola rápida actuación dos bombeiros.
"Avisáronme de que había un incendio, achegueime por aquí e tivemos que sacar todo o que tiñamos para fóra, que eran un camión, carretillas e todo o que había dentro", conta Manuel López, xerente de Lopetrans
"Alertáronme de que estaba ardendo a nave do lado e entón viñen rapidamente, abrimos as portas todas e botamos os camións fóra de aquí", explica José Ramos, xerente de Talleres Ramos
Ata o lugar tamén acudiu unha dotación do distrito forestal da zona, dependente de Medio Rural, para colaborar nas tarefas de abastecemento de auga.
Aínda que os danos materiais en Ludecar son cuantiosos, as primeiras inspeccións apuntan a que a estrutura da nave non foi gravemente comprometida e non houbo que lamentar feridos. A Policía Local acordoou a zona e mantivo un retén de vixilancia durante a noite para evitar posibles rebrotes.
Alarma na zona: é o terceiro grande incendio en catro anos
O lume volveu causar unha importante alarma entre os veciños, xa que se trata do terceiro incendio de importancia no Ceao nos últimos catro anos, tras o rexistrado en marzo de 2024 en Sidegal, que deixou dous traballadores feridos, e o devastador lume de abril de 2021, que se iniciou na nave de pinturas de Castro Parga e se estendeu a sete máis.