Ferido un bombeiro durante a extinción dun incendio nunha casa de Boborás
Os propietarios da vivenda atopábanse de viaxe, polo que non hai que lamentar vítimas
Un bombeiro quedou ferido a primeira hora deste domingo durante a extinción dun incendio nunha casa de Boborás, na provincia de Ourense.
O ferido foi evacuado ao Punto de Atención Continuada do centro de saúde cun corte nun brazo.
Foron os veciños os primeiros en alertar do lume rexistrado nunha casa en Fondo de Vila.
Dentro da vivenda, non había ninguén xa que os propietarios se atopaban de viaxe, polo que non hai que lamentar vítimas.
Segundo os Bombeiros do Carballiño, as tarefas de extinción avanzan a bo ritmo e o lume está xa controlado.
Con todo, houbo perdas materiais no baixo da casa e un coche resultou calcinado. Igualmente, a parte alta do inmoble encheuse de fume.
Ademais dos Bombeiros, no operativo tamén participou un equipo do GES de Ribadavia e axentes da Garda Civil.