Os accionistas do Sabadell poden aceptar ata o 7 de outubro a oferta do BBVA
O prazo de aceptación da OPA é de 30 días, pero pode ampliarse ata 70

Os accionistas do Banco Sabadell poden aceptar a oferta de BBVA polos seus títulos na OPA que este lanzou polo 100 % da entidade, desde este luns e ata o 7 de outubro incluído, a cambio dunha acción de BBVA de nova emisión e 0,70 euros en efectivo por cada 5,5483 accións de Banco Sabadell.
En principio, o prazo de aceptación da oferta é de 30 días naturais, aínda que BBVA ten a posibilidade de amplialo unha ou máis veces, previa comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), sempre que non se supere o límite máximo de 70 días naturais.
Os accionistas do Sabadell interesados na oferta deben presentar unha declaración de aceptación e poden trocar as súas accións en calquera oficina de BBVA ou a través dos teléfonos que dispuxo a entidade, pero tamén por escrito á entidade onde teñan depositadas as súas accións.
A oferta pódena aceptar pola totalidade ou por unha parte das accións de Banco Sabadell das que son titulares, aínda que toda declaración de aceptación debe comprender, polo menos, unha acción do Sabadell.
No caso de que os accionistas non acepten a oferta, entederase que a rexeitan e manterán as súas accións de Banco Sabadell e só se a aceptan expresamente poderán beneficiarse dela.
As condicións da OPA para os investidores
As declaracións de aceptación son revogables, é dicir, poden retirarse en calquera momento antes do último día do prazo de aceptación.
No caso de que ao facer o troco o accionista do Sabadell o número de accións de BBVA non sexa un número exacto, o sobrante ou pico recibirao en efectivo.
Os accionistas de Banco Sabadell que acudan cun número de accións polas que non poidan recibir, polo menos, unha acción enteira de BBVA, recibirán o importe sobrante en diñeiro.
O limiar mínimo de aceptación que fixou o BBVA na oferta é de máis da metade dos dereitos de voto das accións de Banco Sabadell e a OPA liquidarase se se chega a esa porcentaxe.
No caso de que non se alcance, BBVA decidirá se a deixa sen efecto, pero tamén pode renunciar a esa condición, aínda que, segundo dixo o venres o seu presidente, Carlos Torres, esa non é a intención o banco.
O último día do período de aceptación, o 7 de outubro, pecharase o rexistro de aceptacións, e as entidades nas que se presentaron as declaracións de aceptación calcularán o número de accións que aceptaron a oferta e comunicarán os resultados ás bolsas e estas á CNMV.
Unha vez que esta publique o resultado oficial, que se espera que se faga o 14 de outubro, BBVA informará aos accionistas de Banco Sabadell que aceptasen a oferta da liquidación e pago.
Os accionistas do Sabadell que non acepten a oferta seguirán sendo titulares das accións deste banco e o BBVA poderá exercer o dereito de compravenda forzosa sempre que na data de liquidación da OPA sexa xa titular de accións representativas do 90 % do capital do Sabadell e se a oferta fose aceptada por titulares de accións representativas de polo menos o 90 % dos dereitos de voto de Banco Sabadell.
No medio do prazo de aceptación, o Consello de Administración do Banco Sabadell terá que emitir o seu informe sobre a OPA. A teor do que dixeron o seu presidente e o conselleiro delegado, desaconsellará os accionistas do banco acudiren a ela.