O pase de día, para gozar dos espazos e servizos dun hotel sen ter que pernoctar
En Galicia aínda hai poucos establecementos que teñen esta oferta de ocio
Os clientes fan uso dos xardíns, a piscina e os espazos de relaxación e deporte
Seguro que moitas veces pensaron en gozar das instalacións dun hotel e da súa contorna, pero sen facer noite. Pois chega o pase de día. Un xeito de mesturar na hospedaxe viaxeiros que pernoctan con visitantes que van pasar o día.
Se un cliente quere pasar o día nun lugar con encanto coma este pode facelo desde o mediodía ata que se pon o sol por un prezo de 25 euros. Todos os espazos comúns están a disposición dos hóspedes que buscan un refuxio a menos de vinte minutos de Santiago, en Vedra. Cada día ten máis reclamo.
"A todos nós nos gusta porque tendo a Casa Beatnik encántanos que veña xente de fóra e tamén a xente de aquí, os nosos veciños, e amigos de Galicia que tamén gozan da propiedade. Diso se trata. Cando viaxas a un país queres estar nunha propiedade con outros países e tamén coñecer a xente do lugar. O pase de día é un pulo para mesturar a xente e poder ofrecerlle un prezo adquirible á xente de aquí", asegura Daniel Alonso, da Casa Beatnik
Con espazos de relaxación, sauna, ximnasio, pistas de tenis e piscina para escapar por unhas horas.
"Está preto de Santiago, que é onde resido, e accédese comodamente e estás nun pequeno oasis. A un paso da casa para pasar un bo día. Gozas do lugar, coas viñas, as hortensias. Estás en Galicia pero nun espazo máis especial e exclusivo", de Manuela, que repite o pase de día no establecemento.
Hai clientes que collen este servizo de pasar o día despois de xantar nun dos seus restaurantes, porque descobren un espazo que paga a pena aproveitar máis.