Case un cento de cabezas de gando participan na feira anual da Fonsagrada
Os animais, de raza rubia galega e asturiana, están expostos no mercado gandeiro
Os mellores exemplares da raza rubia galega e asturiana danse cita na Fonsagrada, nun concurso exposición que se recupera logo de que o ano pasado non se puidera celebrar.
Manifesta o alcalde, Carlos López, que "somos unha comarca gandeira e a nosa economía baséase no sector primario e isto é unha pequena homenaxe ás ganderías" para que poidan vir aquí exhibir os seus animais.
A tradición gandeira deste concello fai que o mercado figure como un dos actos máis importantes das festas patronais. Comentan varios asistentes que "dá gusto ver esta feira outra vez grande".
Un propietario de gando selecto indica que "é unha feira anual, de montaña na que concorren os mellores animais". Resume un gandeiro que nesta cita está "a elite da Fonsagrada".
A asociación de criadores de rubia galega achega catro novelas para os que queiran continuar mellorando a raza. Segundo explica o presidente, César Dorado, "teñen un prezo de saída de 2.500 euros. Proceden da granxa Gayoso Castro, están preñadas e son de moi boa calidade".
Unha razón máis para achegarse pola Fonsagrada durante as festas patronais.