Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta substituirá 5.000 xubilacións de funcionarios en 5 anos

A Xunta substituirá 5.000 xubilacións de funcionarios en 5 anos

O Goberno galego ten previsto aprobar en 2026 o decreto para carreira profesional

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, na súa comparecencia este xoves no Parlamento (EFE/Lavandeira jr) Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, na súa comparecencia este xoves no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
Europa Press 23/10/2025 16:28

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, informou de que a Xunta deberá levar a cabo un "recambio xeracional" para substituír a 5.000 funcionarios que se xubilarán durante os próximos cinco anos, "tras finalizar o proceso de estabilización que beneficiou a máis de 5.500 empregados públicos".

Na primeira das comparecencias en comisión parlamentaria dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, Corgos avanzou tamén que, o próximo ano, o Consello aprobará o decreto de desenvolvemento da carreira profesional. Explica que a progresión da carreira profesional "estruturarase en graos e será horizontal, o que permitirá o ascenso sen necesidade de cambiar de posto de traballo".

"Valorarase tamén a traxectoria, a calidade dos traballos, os coñecementos e os méritos pola especificidade da función desenvolvida, así como a experiencia e a superación dunha avaliación do desempeño", agrega Corgos.

Deste xeito, remarca que o Goberno galego "segue apostando pola modernización continua da función pública" e "mellorar as condicións" do persoal "para ter un persoal motivado e ben formada".

"Estabilidade"

Así mesmo, Corgos deu conta duns orzamentos da Xunta que ascenden un 2 % en 2026, ata 14.240 millóns, nunha intervención na que reiterou os eixos expostos nas súas comparecencias dos últimos días para destacar a "vantaxe comparativa" de Galicia pola súa "estabilidade política e institucional".

Incide en que son os maiores presupostos da historia da comunidade, "con cada vez con máis servizos", rebaixas fiscais "selectivas", "sen recorrer a endebedamento" por terceiro ano consecutivo e coa vivenda como "prioridade" para duplicar o parque público esta lexislatura.

"Nunca se dedicaron tantos recursos a sanidade pública, educación e a política social", pon en valor, con tres de cada catro euros para gasto social. Asegura que as rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego permitiron aforrar á cidadanía máis de 1.600 millóns de euros desde o ano 2020.

Un punto sobre o que chama a atención é o "valor engadido" de compensar o fin de partidas europeas pospandemia con "máis fondos propios". Lamenta a "oportunidade perdida" dos PERTE, ao haber "21.000 millóns durmindo nos caixóns dos ministerios" a tres meses para o seu final.

Entre outras novidades para 2026, o conselleiro de Facenda destaca que o próximo ano finalizará en Ourense a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (Ceciga), que busca fortalecer a ciberseguridade na administración.

Finalmente, volveu a "urxir" o Goberno un novo modelo de financiamento autonómico ante a necesidade, "como mínimo", de 500 millóns de euros adicionais para cubrir custos de servizos.

A oposición critica un "Goberno estancado"

Pola súa banda, desde as filas do BNG, Noa Presas cargou contra uns orzamentos "decepcionantes" que "mostran un goberno estancado".

"Son un exercicio de ilusionismo porque, basicamente, vemos un novo espellismo cunhas piruetas discursivas e numéricas importantes e promesas repetidas, pero para tapar a realidade: que fai falta impulso e proxecto político do Goberno galego para dar a este país unha saída aos seus problemas", censura.

Alerta de "problemas" en servizos públicos, desigualdade territorial e transformación industrial, unhas contas que "non compensan sequera a subida da inflación". Ademais, lamentou que haxa "cuestionables rebaixas fiscais que benefician rendas altas".

A deputada nacionalista queixouse de que se "tome o Parlamento polo pito do sereno", ao remitir os orzamentos o luns no canto do pasado sábado, o que identifica con "furtar" á oposición a "capacidade de reacción política".

Outros reproches que lanzou Noa Presas foron porque considera "inaudito que apliquen un recortazo incrible" na Consellería de Medio Ambiente tras os incendios e "conxélese" o orzamento de Medio Rural "cando debería haber un cambio profundísimo" por mor da vaga de incendios.

Denuncia tamén recortes na Amtega, que se vaia a "baleirar de funcións" a valedora do Pobo e lanza un "réquiem" polo Instituto Galego de Estatística tras o cesamento de José Antonio Campo Andión despois de 30 anos.

Igualmente, Elena Espinosa, do PSdeG, coincidiu en reclamar "máis tempo para estudar" os orzamentos e denuncia que a oposición non está "en igualdade de condicións" respecto ao Grupo Popular, que recibe antes unha "entrega de datos absolutamente desagregados", o que tacha de "deslealdade política".

A deputada socialista sostén que estes orzamentos "non van permitir" que Galicia creza por encima da media de España, nun marco xeral das contas que "frouxea". Reproba que as previsións de ingresos van á baixa polas rebaixas fiscais.

A continuación, Espinosa pediu aos populares que "por uns días esquezan o rodete" no Parlamento e acepten as achegas que faga a oposición na tramitación das contas.

Armando Ogea, de Democracia Ourensana, requiriu á Xunta "cambiar a visión centralizadora da administración" que "trae consecuencias negativas".

Critica que as axudas e rebaixas fiscais polos incendios en Ourense "van ser moi insuficientes" por "o grao de destrución". En cambio, Cristina Sanz, do PPdeG, felicitou ao conselleiro polo seu traballo e aplaude que a Xunta presente por décimo sétima vez consecutiva os orzamentos. Contrasta esta situación cun Goberno de Pedro Sánchez que "incumpre reiteradamente" o artigo que establece que debe presentar orzamentos anualmente.

Nas súas réplicas, Corgos dixo á oposición que "confunden estancado cun goberno previsible e estable". Tamén retou a que digan "cal eliminarían" entre as rebaixas fiscais. E lembra a BNG e PSdeG que o ano pasado tamén recibiu críticas por que os orzamentos entrasen o Parlamento un sábado.

Xunto a isto, dirixiuse ao deputado de Democracia Ourensana para pedir que "fale un pouco" co Concello de Ourense co fin de "desbloquear" a construción do edificio administrativo na cidade para resolver os "problemas" existentes sen ter que recorrer á xustiza.

O conselleiro defende que as baixadas de orzamentos de consellerías como Medio Ambiente ou despartamentos como a Amtega débense a partidas extraordinarias de fondos que "non podían estar aí para toda a vida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade