Asociacións de transportistas claman pola fin das peaxes da AP-9
As asociacións do transporte cren que as peaxes lastran a competitividade das empresas do sector
Ángel Juncal é un transportista autónomo. Ten dous camións que andan á ruta por Galicia. "Eu estou sempre pagando autoestrada", di.
É un gasto moi elevado para pequenas empresas coma a súa que teñen que sumar a explotación do camión. "Para o camión é caro. De Vigo a Ferrol anda polos 60 euros, só ida. Parte do que lle sacas de ganancia vaise aí", explica.
Uns gastos que restan competitividade ás empresas de Galicia, din os transportistas, en relación a outras comunidades.
"Somos das poucas comunidades que aínda seguimos con peaxes cando en moitas autoestradas de España xa están liberalizadas", asegura Lucia Loureiro, presidenta de Acotrades.
Os transportistas cren que a eliminación das peaxes sería un balón de osíxeno para o sector, unha demanda que acaban de presentar ante o Tribunal Supremo.