A Xunta recorre á xustiza para coñecer a resposta do Goberno á UE sobre as prórrogas da AP-9
O Goberno galego acorda acudir á Audiencia Nacional para saber a posición do Estado español tras declararse ilegal a prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico
A Xunta calcula que a saída sur de Vigo en tren non estará concluída antes do ano 2037, e insta o Goberno a impulsar estas obras
O Consello da Xunta acordou este luns presentar un recurso para obrigar o Goberno central a informar sobre a resposta que lle deu á Comisión Europea logo de que o executivo comunitario declarara ilegal a prórroga da concesión da Autoestrada do Altántico (AP-9).
"Non queda outro remedio que presentar recurso ante a Audiencia Nacional", dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Na comparecencia posterior á xuntanza semanal do Executivo galego, Rueda incidiu en que Bruxelas non só cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria, senón que a Comisión Europea advertiu que España podería ser levada ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta medidas.
Rueda recalcou que a Xunta pediulle de forma reiterada ter acceso ás alegacións estatais a este proceso sobre unha prórroga autorizada no seu día por un Executivo estatal liderado entón polo popular José María Aznar, ao entender que se trata de "un asunto de máximo interese" para a comunidade.
Ante a "negativa" estatal a facilitarlle estes datos, o presidente galego ratificou que á Xunta non lle queda "outro remedio" que actuar pola vía xudicial.
Deste xeito, explicou que presentará un recurso na Audiencia Nacional para tratar de que se "obrigue" ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez a trasladar ao Goberno autonómico os detalles que demanda. "Lamentamos que teña que ser así", resolveu.
A saída sur de Vigo por tren para o ano 2037
O Consello da Xunta tamén avaliou os prazos pendentes para ter rematada a saída ferroviaria sur de Vigo, e segundo os cálculos da Xunta non estará ata o ano 2037, polo que Alfonso Rueda volveu instar a Goberno a comprometerse con esta infraestrutura.
"Non ten sentido responsabilizar o Goberno portugués", dixo Rueda, quen cre que o executivo luso si se compromete coa súa parte da liña de alta velocidade, que debe chegar desde O Porto ata Valença.
Así as cousas, tendo en conta o adiamento do estudo informativo, e os sucesivos pasos pendentes ata iniciar as obras, a Xunta calcula que a saída sur de Vigo non estaría lista antes do ano 2037.