Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ante a volta á circulación endóxena do sarampelo hai que revisar que temos as dúas doses da vacina

Ante a volta á circulación endóxena do sarampelo hai que revisar que temos as dúas doses da vacina

Os nenos deben vacinarse aos doce meses e aos tres anos para estaren libres de perigo

Os nacidos entre o 1978 e o 2000 deben comprobar que recibiron a pauta completa

G24.gal 23/02/2026 14:24

Chamamento das autoridades sanitarias a todos os nacidos despois do 1978 que non teñan as dúas doses da vacina do sarampelo. Trátase dunha enfermidade grave e moi contaxiosa, que estaba practicamente erradicada no noso país. Pero España perdeu a denominada inmunidade de rabaño por unha baixa moi lixeira nas taxas de vacinación. E hai que ter coidado de non contaxiarse.

A porcentaxe de vacinados segue sendo alta en Galicia, próxima ao 94 %. Pero hai risco por baixo do 95 %. De momento, non houbo ningún caso na nosa comunidade, pero o virus circula xa en España: gromos que afectan especialmente aos nenos menores dun ano, porque a vacina ponse aos doce meses e aos tres anos.

"España perdeu recentemente o status que denominamos de interrupción de transmisión do sarampelo. Ata este momento non só estaba protexida a xente que recibe a vacina, senón que o virus non estaba a circular no noso país. Agora en España é posible que se produzan casos autóctonos", explicou Federico Martinón, o xefe do Servizo de Pediatria do CHUS e experto en vacinas da OMS.

Persoas non vacinadas, ou só parcialmente vacinadas, que antes estaban protexidas pola inmunidade de rabaño e que agora corren risco de contraer a infección.

"A mala noticia do sarampelo é que é unha enfermidade moi contaxiosa e moi grave. De feito calculamos que máis da metade de todas as mortes evitadas por vacinas foi grazas só á vacina do sarampelo. A boa noticia é que a vacina funciona e funciona moi ben, É dicir que o máis importante é vacinarse e se un ten postas as dúas doses está protexido e dá igual cal sexa a situación epidemiolóxica con respecto á enfermidade", dixo Federico Martinón, o xefe do Servizo de Pediatría do CHUS.

Os nacidos entre 1978 e o 2000 deben asegurarse de ter as dúas doses. A de España non é unha situación illada. Sucede en varios países da Unión Europea que lembran a importanciade vacinar os nenos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos