Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE aproba novas axudas ao viño e a etiquetaxe "sen alcol"

A UE aproba novas axudas ao viño e a etiquetaxe "sen alcol"

O paquete de medidas incluído no regulamento pretende equilibrar mellor a oferta e a demanda, mellorar a adaptación ao cambio climático e simplificar e harmonizar as prácticas de etiquetaxe

G24.gal 23/02/2026 12:12

Os Vinte e sete deron este luns o seu visto e prace ao acordo para reforzar o sector vitivinícola da Unión Europea con novas medidas de apoio financeiro, maior flexibilidade ante crise de mercado e cambios nas normas de comercialización que permitirán, entre outras novidades, etiquetar como "sen alcol 0,0 %" os viños con menos do 0,05 % de gradación.

A adopción formal por parte do Consello completa o proceso para aprobar o acordo político alcanzado o pasado mes de decembro e validado recentemente pola Eurocámara, que ten como obxectivo responder os desafíos que atravesa o sector e facilitar a apertura de novas oportunidades comerciais.

Entre outras cousas, as novas disposicións precisan que os produtos cunha gradación inferior ao 0,05 % poderán identificarse como "sen alcol 0,0 %", mentres que aqueles con máis dun 0,5 %, pero polo menos un 30 % menos de contido alcohólico que o estándar da súa categoría deberán comercializarse como "reducido en alcol".

Así mesmo, a normativa amplía a flexibilidade para que os Estados membros axusten a oferta á evolución do mercado, permitindo apoiar o arranque permanente de viñedo para evitar situacións de sobreproducción e preservar a estabilidade, á vez que suprime a data de finalización do réxime de autorizacións de plantación e introduce un período de revisión de dez anos.

En materia climática, os países poderán aumentar ata o 80 % o apoio da UE a investimentos relacionados coa mitigación e adaptación ao cambio climático, co fin de acelerar a transición cara a unha produción máis sostible.

Promoción, exportación e sanidade vexetal

A reforma reforza tamén o respaldo ao enoturismo como vía de diversificación económica en zonas rurais e mellora a flexibilidade para a promoción dos viños europeos en terceiros países, de maneira que as actividades como campañas publicitarias, participación en feiras ou estudos de mercado poderán recibir ata un 60 % de financiamento comunitario.

En paralelo, amplía o apoio fronte a enfermidades vexetais como a 'flavescencia dourada' mediante medidas de seguimento, diagnóstico, formación e investigación, co obxectivo de protexer os viñedos fronte a esta ameaza.

Ademais, os viños destinados á exportación quedarán exentos da obrigación de incluír a lista de ingredientes e a declaración nutricional esixidas no mercado interior da UE, reducindo cargas administrativas para os produtores.

Con este conxunto de medidas, a normativa busca modernizar o marco regulador do sector e reforzar a súa competitividade, e entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade