Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aparca o proxecto da entrada do AVE a Ourense porque "non suporá aforro de tempo"

O Goberno aparca o proxecto da entrada do AVE a Ourense porque "non suporá aforro de tempo"

Transportes asegura que ese tramo se planificou por condicionantes alleos á explotación ferroviaria

A obra esixiría escavar un túnel en Montealegre e construír un novo viaduto sobre o río Miño

G24.gal 16/04/2026 15:27

O Goberno central deixa en vía morta o proxecto para construír unha nova entrada do AVE a Ourense dende o sur.

"Non aforra tempo", di a resposta oficial do Executivo a unha pregunta presentada no Congreso por tres deputados ourensáns do PP, que solicitaban información sobre o estado do proxecto.

O treito entre o intercambiador de Taboadela e a cidade de Ourense está dividido en dous tramos. Un deles, o de Taboadela-Seixalbo, xa está en obras, pero da segunda parte non se sabía nada, só que permanecía en fase de planificación. 

Agora, por vez primeira, o Goberno dá unha resposta e asegura que ese segundo tramo "non supón aforro de tempo de viaxe". Por tanto, engade, deben rematarse primeiro as obras do outro treito.

"Queremos que o Goberno non lles siga tomando o pelo ás galegas e aos galegos, que levamos moito tempo agardando e escoitando desculpas que non tiñan sentido, e agora dan a entender que non se vai facer esa parte da variante de Ourense", reclama o conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo.

No seu escrito, o Goberno di que ese tramo da variante de Ourense se planificou "por razóns alleas á explotación ferroviaria".

Os estudos calculaban que podería aforrar dous minutos de viaxe, pero hai que ter en conta que os trens de alta velocidade teñen que frear con tempo, así que podería non ser realista. A cambio, a obra esixiría escavar un túnel na zona de Montealegre e levantar unha nova ponte augas arriba do río Miño. 

"Sería ideal que os cartos que se lle ían destinar a esa obra se investisen na mellora da rede convencional, que está esquecida", propón o secretario do Sector Ferroviario da UXT en Galicia, Mario Franco.

A conclusión é a medio prazo a entrada a Ourense quedará pola vía actual, vía única. O Goberno si admite que sería unha mellora ter vía dobre, por se algunha vez se bloquea a liña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade