Coa chegada do bo tempo, as terrazas están a ser o epicentro da vida social
Os hostaleiros din que a repunta de afluencia supón un importante impulso económico
O sol e as temperaturas agradables nas horas centrais do día seguen acompañándonos. E iso nótase nas terrazas dos bares e cafeterías. Desde primeira hora da mañá, nesta de Santa Cristina, en Oleiros, comezaron a ocuparse as mesas.
"Aquí estase moi ben. Quenta o sol e ademais temos vistas ao mar".
Tras case dous meses de chuvia ininterrompida e ceo gris, o sol volveu aparecer.
"Pareciamos case peixes de tanto como choveu". "Xa estabamos a piques de coller unha depresión. Así que agora hai que aproveitar".
E foi o que fixeron moitos, mesmo de fóra das nosas fronteiras, durante toda a fin de semana.
"Toda a fin de semana estiveron as terrazas ao tope". "Nós viñemos aquí, a Santa Cristina, e tivemos que marchar porque non había onde aparcar. Fomos ao Burgo e alí tamén estaban as terrazas cheas".
Moita xente... e moito traballo para os hostaleiros que viron como a afluencia espontánea enchía os seus negocios.
"Había que facturar. Eu nin tempo tiven para comer".
Xa había ganas de cambiar os chuvasqueiros e os paraugas polas lentes de sol...
"Polas lentes de sol e polos pantalóns curtos". "Pero vai durar pouco porque o mércores xa volve a chover". "Pero hai que aproveitar mentres dure". "Pouquiño a pouco. Xa imos arrancando. Imos cara á primavera".