Convén favorecer a vitamina D desde a infancia pola saúde dos ósos
Unha persoa sa obtén o 90% da vitamina D que precisa cunha exposición ao sol adecuada
Alimentos como os peixes graxos, os ovos e os lácteos favorecen o 20% restante
Os suplementos de vitamina D só deben tomarse por indicación médica en casos concretos
Este inverno escaseou o sol. Foi o máis chuvioso do último cuarto de século en Galicia. Os especialistas aconséllannos aproveitar a luz solar que chega xa da man da primavera para recuperar os niveis adecuados de vitamina D, fundamental para a saúde dos nosos ósos e doutros órganos, como as glándulas endocrinas.
"É suficiente con dez minutos que nos dea o sol nos brazos, na cara, nas pernas" explica Susana Romero, presidenta electa da Sociedade Española de Reumatoloxía.
A presidenta electa da Sociedade Española de Reumatoloxía estende a recomendación aos pequenos. Susana Romero subliña que a saúde dos ósos empeza na infancia.
"Porque así alcanzarán un pico de masa ósea máis elevado que permita que cando chega a idade adulta e se empeza a perder masa ósea a perdan desde un nivel máis alto", puntualiza.
A especialista destaca, iso si, que a xente nova, san e sen factores de risco non debe tomar suplementos de vitamina D.
"Sempre baixo prescrición porque a vitamina D é tan malo tela moi baixa coma tela moi alta", afirma Susana Romero.
O control a través dunha análise da vitamina D tamén se cingue aos grupos de risco.
"A xente maior ou a xente que ten osteoporose ou factores de risco como síondromes de mala absorción ou outras enfermidades osteopenizantes, é dicir, que alteren a arquitectura dos ósos, si que estaría indicado solicitala e si que estaría indicado, se está baixa, suplementala", aclara a presidenta electa da Sociedade Española de Reumatoloxía.