Trastornos de sono e polémica unha vez máis co cambio de hora
Moitos son os que sofren esgotamento e problemas co sono por mor dos cambios horarios
O debate sobre a continuidade do sistema diferenciado de horarios continúa dividido
Este domingo inaugurouse o horario de verán, co adiantamento dunha hora en todos os reloxos. Máis tamén chegaron os episodios de cansazo, ansiedade e de trastornos de sono asociados habitualmente a este cambio. Porén, este ano ao coincidir con plena semana festiva, hai opinións para todos os gustos.
A praza do Obradoiro acollía esta mañá aos peregrinos coa letanía habitual das campás, un pouco máis prolongada desta vez pola celebración das procesións. Máis no ambiente notábase xa a chegada do horario de verán e a consabida desaparición dunha hora de sono esta madrugada pasada.
Para uns a mañá foi "terrible", mentres que para outros, especialmente os xubilados, a situación é diferente: "Durmimos as horas que queremos, entón non nos afecta o cambio de hora".
Co proceso de cambio de hora reprodúcese o eterno debate entre os beneficios e os contras da aplicación do horario de verán, cunha división de opinións máis matizada desta vez ao coincidir o cambio en plena semana festiva.
"Vimos de turismo e notámolo, porque tiñamos unha visita programada. E tivemos que durmir unha hora menos", comenta unha viaxeira.
Son moitos os que defenden a eliminación deste cambio horario para evitar trastornos de son e cansazo., Máis entre escoller entre o horario de inverno, propio da situación de Galicia, e o horario de verán, tampouco hai unanimidade.
"Eu prefiro o horario de inverno -afirma unha veciña de Santiago- e non ter que pechar as fiestras para deitarnos porque aínda é de día"; tamén están os que opinan de xeito diferente: "Eu deixaría o horario de verán, porque son máis horas de sol". E non podían faltar a visión conciliadora:
"Preferiría estar sempre co horario de verán, pero é complicado para algunha parte de España; polo tanto, se houbera que quedar co horario de inverno, mellor seguir cambiando de hora como ata agora", sentenza un visitante.
A Unión Europea sinalaba este ano como o último exercicio co cambio de hora, pero a falla de consenso está deixando a cuestión para máis alá de 2030. Mentres, o único reloxo que segue funcionando é do tempo, alleo aos debates mundanos.