Os vigueses erguen os seus ramallos de oliveira na bendición do domingo de Ramos
Unha das procesións da Semana Santa con máis raizame, a da Burriquiña, coincidiu co derradeiro día de celebracións da Reconquista, algo bastante inusual
O que non mudou foi a imaxe máis característica do domingo de ramos vigués, a gran bendición das palmas na Porta do Sol
Coincidencia entre dúas devocións, entre dúas conmemoracións, a da entrada de Xesús en Xerusalén a lombo dunha burrica e a da expulsión dos franceses tras ocupar Vigo. Como sexa, mantivéronse ambos os dous guións .
A procesión da burriquiña comezou coma sempre na Igrexa de María Auxiliadora coa bendición dos ramallos de oliveira e de loureiro. Avanzou ata entrar pola rúa do Príncipe á Porta do Sol onde asistimos á imaxe máis icónica da Semana Santa viguesa, a dos ramos en alto para participar nesa gran bendición ao aire libre.
E despois, tamén seguindo o guión habitual desta data, os devotos asistiron a unha misa no templo de Santiago o Maior.
"É unha procesión que ten 81 anos de antigüidade, e ogallá sexa todo como o día que está, solleiro. Por suposto cando se berra o "Hosanna no ceo" para nós evidentemente é un símbolo de emoción", explica a TVG Juan Carlos Carballido, o Presidente da Confraría do Silencio de Vigo.
"Unha recompensa gratificante o ver que está a porta do Sol chea, os pequenos... e só por iso paga a pena axudar", engade Juan García. Presidente dos voluntarios de Vodea.