A Xunta declara Proxecto de Interese Autonómico o Ofimático de Vigo para construír 2.000 vivendas
O Goberno galego agarda poder habilitar solo residencial para crear "un novo barrio" con praticamente o cen por cento de vivendas protexidas
O Consello da Xunta aprobou este luns declarar Proxecto de Interese Autonómico (PIA) o programa residencial do Ofimático de Vigo no que se pretenden construír 2.000 vivendas, das que "case o 100 % serán protexidas", asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A declaración de PIA permite axilizar prazos e tramitacións para poder acelerar os procedementos.
A Xunta prevé investir uns 22 millóns de euros na urbanización desta área, que ten previsto que estea dispoñible xa para comezar a construír no ano 2028.
Outras medidas en vivenda
O Consello da Xunta tamén acordou a licitación do contrato para a construción de 36 vivendas nunha parcela cedida polo concello do Porriño.
Ademais deuse luz verde a destinar case 2,8 millóns de euros para triplicar o programa Fogar Vivo para que os propietarios reformen vivendas baleiras para poñer en alugueiro, con axudas de ata 16.000 euros; e outros 5 millóns para avalar ata o 20 % de préstamos hipotecarios de menores de 36 anos que adquiran a súa primeira vivenda.