Adega Lastras, a mellor tortilla de Betanzos 2025
O chef Pedro Miño conquistou o xurado cunha proposta melosa, sen cebola e fiel á tradición betanceira
Con só ovos, patacas e moito agarimo, Pedro Miño acadou o recoñecemento que levaba buscando para a súa tortilla dende hai seis anos. Esta non é a primeira vez que se presentaba ao certame. Foi á cuarta cando o xurado recoñeceu a súa proposta, destacando, técnica e sabor.
"Teño unha medida para as patacas, pero non é exacta… é un pouco a sensación que ti teñas no recipiente", di Pedro Miño, que recoñece que traballa por sensacións.
E con esta técnica parece que non lle vai mal porque tamén conseguiu un primeiro posto no certame galego, e chegar á final no campionato nacional.
É moito máis ca un prato. A tortilla de Betanzos xa é todo un símbolo desta localidade coruñesa, e dende este mediodía a mellor xa ten nome propio, coa vista posta xa na edición do vindeiro ano.