Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Land Rober + Show' gaña o premio europeo CIRCOM 2026 ao mellor programa de entretemento

'Land Rober + Show' gaña o premio europeo CIRCOM 2026 ao mellor programa de entretemento

O espazo presentado por Roberto Vilar e referente indiscutible das noites da Televisión de Galicia, recibirá o galardón en maio nunha gala en Tampere (Finlandia)

A serie ‘Lume’, coproducida por TVG e a canle lusa RTP, alzouse coa mención especial do xurado do Premio CIRCOM na categoría de drama

CIRCOM é a maior asociación de televisións públicas de Europa, cunha representación de 30 países e preto de 250 canles

G24.gal 25/04/2026 11:24

‘Land Rober + Show’, o espazo do prime time da Televisión de Galicia, alzouse co Premio CIRCOM 2026 na categoría de Entretemento, segundo foi anunciado polo CIRCOM, a maior organización europea de televisións rexionais públicas.

‘Land Rober’, referente absoluto do entretemento na grella da TVG nas noites de luns a xoves, foi definido polo xurado como un programa de “puro entretemento”, polo seu “forte sentido de identidade e altos valores de produción”, salientando ademais “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”.

O espazo presentado por Roberto Vilar suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).

Ademais, a serie ‘Lume’, coproducida por TVG e a RTP e gañadora do I Festival Internacional de Series Ría de Vigo en 2025, recibiu a mención especial do xurado na categoría de drama.

O xurado destaca ‘Lume’ polo seu tratamento dun importante problema rexional: os incendios forestais que afectan a Galicia e ás áreas veciñas ano tras ano. Tamén reflicte a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza mediante o uso natural do galego, o castelán e o portugués, achegando á historia un forte sentido de lugar e autenticidade.

Despois de ser emitida na TVG e na RTP o pasado verán, ‘Lume’ segue dispoñible na plataforma Agalega.gal.

CIRCOM engloba 30 países e preto de 250 televisións rexionais, o que a converte na maior asociación de canles rexionais públicas de toda Europa. Esta edición bateu a marca de candidaturas, con 272.

Os premios serán entregados ou próximo 21 de maio nunha gala na cidade de Tampere, Finlandia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade