Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha asociación gandeira promove a recuperación das aptitudes tradicionais da rubia galega

Unha asociación gandeira promove a recuperación das aptitudes tradicionais da rubia galega

Nas súas explotacións apostan pola xenética da vaca de antano, que daba menos quilos de carne pero era máis rústica

O domingo 19 celebran en Rodeiro a XIV Feira da Vaca Rubia Galega do País

Na Feira de Rubia Galega do País haberá 110 exemplares a concurso
G24.gal 16/10/2025 14:38

A explotación de Alberto Hermida en Rodeiro dedícase á cría de rubia galega en extensivo, ao aire libre. O seu rabaño é froito de anos e anos de selección: busca os animais para que manteñan as aptitudes de antano, cando as vacas traballaban, daban leite e carne.

"Son as vacas que tiñan os nosos avós", explica Alberto. "Son animais sen a conformación do xene 'culón', cuns ubres aptos para aleitar os seus fillos. É unha vaca con carácter leiteiro, posición, non demasiado longa, e sería apta para o traballo", describe.

Prefire estas vacas a outras rubias seleccionadas para dar máis carne. Di que estas compensan a perda en quilos, porque son máis rústicas e dan menos gasto. 

"Se os animais paren ben e non temos sinistros, imos ter moita máis reprodución porque non imos precisar tanta reposición. E logo os becerros que sexan aptos para esta vida é menos traballo para o gandeiro, así que iso pensamos que é a rendibilidade".

Crearon unha asociación gandeira para reivindicar e preservar esas aptitudes tradicionais da vaca do país. Queren mantelas porque son -din- as que fan da carne de rubia a mellor carne do mundo. 

"Esa mellor carne do mundo prodúcea esta identidade de gando, non a podemos deixar perder", afirma Alberte Lamazares, da asociación gandeira Rubia Galega do País. Pon un exemplo: se as vacas non teñen leite suficiente, hai que destetar antes o becerro e perder esa calidade.

"Se non damos chegado o mercado cun becerro que teña a proporción de leite suficiente, durante o maior número de meses posible, non infiltra a graxa, non mete esa calidade diferenciada, e ao final o noso becerro vai ser coma os outros" explica Lamazares. "Se non competimos en calidade, en cantidade non damos competido", conclúe.

Así que queren devolver esta xenética ás explotacións. Unha vía é a Feira da Vaca Rubia Galega do País en Rodeiro, cunha poxa para comprar e vender animais, e un concurso de gando en que participarán 110 exemplares das catro provincias. Despois de 17 anos recuperaron a feira en Río o ano pasado, e xa a converteron na segunda máis grande de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade