A Xunta cancela desde este luns feiras, concursos e certames de gando pola dermatose nodular contaxiosa
A Xunta cancela desde este luns feiras, concursos e certames de gando pola dermatose nodular contaxiosa
Medio Rural informa de que tamén quedará prohibida a entrada en Galicia de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas restrinxidas
A medida terá unha vixencia de 21 días, que poderá prorrogarse
A Consellería do Medio Rural anunciou que se cancelan a partir do luns todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando en Galicia para protexer os animais fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC).
A Xunta tamén informou de que quedará prohibida a entrada en Galicia de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas restrinxidas a esta enfermidade.
Canto aos bovinos que cheguen a Galicia con destino a sacrificio, poderán entrar na comunidade sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.
Estas medidas preventivas van entrar en vigor este luns, coincidindo coa publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). A medida terá unha vixencia de 21 días, que poderá prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.
A Xunta informa de que segue activo o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións de fóra de Galicia, con destino a vida, desde a data da súa incorporación a explotacións de destino á comunidade galega.
Todos os animais das granxas que incorporen bovinos doutras partes de España ou do estranxeiro estarán inmobilizadas de forma cautelar durante o mesmo tempo. Esta paralización afectará aos bovinos que estean na explotación en data de entrada dos novos animais.
A Consellería do Medio Rural tamén establece como obrigatorio desinsectar todos os bovinos que estean na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia.
A Xunta avanzou que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural farán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións sanitarias, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.
O departamento autonómico lanzou unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.
Que é a dermatose nodular?
A DNC é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas coma no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial coma comercialmente a España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Xirona en Cataluña, e que continuou ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa comunidade autónoma, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.
Por iso, co obxectivo de previr a entrada no territorio a Xunta remarca a "necesidade de tomar medidas sanitarias cautelares", para protexer o gando bovino galego.
