A vaca leiteira con mellor xenética de España é de Monfero
Chámase Rocha e obtivo a mellor puntuación nas últimas probas da CONAFE
O ADN revela que características transmite ás fillas: desde a cantidade de leite ata as emisións de metano
Pode parecer unha máis da corte. Pero Rocha non é unha vaca calquera. As últimas probas da Confederación Nacional de Frisoa coróana como a vaca leiteira con mellor xenética de España. Para sabelo analizaron unha pequena mostra de ADN da súa orella e observaron que é a que mellores características transmite á súa descendencia, por diante de milleiros de competidoras.
"Foi a mellor na última proba xenómica nacional. Nela miran as características que transmite de leite, graxa, tipo, lonxevidade, saúde, emisións de metano", explica Manuel Filgueiras Freire, da gandería Rocha.
Desde a cantidade de gases de efecto invernadoiro que van emitir á atmosfera ata a graxa que vai ter o leite. A xenómica permite ir seleccionando os mellores animais para reproducir no rabaño.
"Collemos as mellores vacas e os mellores touros e buscamos evitar defectos na descendencia a través dos acoplamentos. A prioridade nosa é que produzan leite pero con calidade, con moita graxa e proteína e sen enfermidades".
Agora toca replicar a alta xenética de Rocha no resto da gandería. Para acelerar o proceso, usan os seus embrións e transfírenos a outras vacas.
"Se non, só tería unha cría por ano. Grazas á transferencia embrionaria logramos que a nai coa xenética que máis nos interesa teña moitas crías".
Un rabaño de elite froito de anos de selección nesta granxa de Monfero que hoxe pode presumir de ter a mellor no seu equipo.