Publicador de contidos

Publicador de contidos

"De cando as vacas son vacas", unha mostra fotográfica retrata o gando en Curtis

"De cando as vacas son vacas", unha mostra fotográfica retrata o gando en Curtis

A exposición de Xosé Luís Míguez, pode visitarse na Casa Museo de María Antonia Dans

Trasladarase despois a outros concellos para divulgar a tradición e a modernidade gandeira

G24.gal 17/01/2026 16:18

Unha exposición fotográfica na Casa Museo de María Antonia Dans, en Curtis, amosa a identidade rural a través dos seus animais e a convivencia que se estableceu co gando. O fotógrafo, tamén veterinario, Xosé Luís Míguez, quixo retratar a evolución do sector e o seu valor patrimonial.

A mostra fotográfica parte de cando as vacas representaban a economía dunha familia, dunha comarca e dun país e de cando configuraban o territorio e incluso a linguaxe.

"Busco tratar as vacas como vacas que son. O que era a vaca na antiga casa de labranza galega, que pisaban estrume. Parto dese mundo e realmente o que facían as vacas foi esculpir a paisaxe. Sempre foi unha paisaxe gandeira. Cando quitas a gandeiría da paisaxe a paisaxe tende á entropía, á desorde, e pasa o que pasa", asegura Xosé Luís Míguez, fotógrafo e veterinario gandeiro.

Desde as fotografías das últimas vacas da casa no Courel, ata os concursos de gando e manexo, Xosé Luíz amosa o que foi a transformación do sector nos últimos anos. 

"O período histórico onde pasamos das vacas da casa, aquelas que estaban no estrume, ata o momento actual, dos robots de muxido, non é tan longo. Son corenta anos, nos 90 había milleiros de explotacións en Galicia con ese modelo. Hai unha cousa que hai que reivindicar: este ano sufrimos unha vaga de incendios nunha zona despobada onde noutra época había gandeiría de proximidade e subsistencia que facía un aproveitamento do espazo e do monte. Hai que reinvindicar que non hai país sen vacas e as vacas si fan país", insiste Míguez.

A exposición que agora se pode ver na Casa Museo de María Antonia Dans, en Curtis, ten carácter itinerante e trasladarese despois a outros concellos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade