Muimenta consolida a súa feira de gando como cita ineludible para o sector
Este domingo celebrouse a poxa de gando selecto e o certame de manexo para xente nova
A Moexmu clausurou a súa cuadraxésima segunda edición con récord de participantes
Cospeito acolleu a cuadraxésima segunda edición da Mostra Exposición de Muimenta, máis coñecida como Moexmu, que este ano alcanzou o seu récord de participación, con 19 ganderías inscritas e 142 animais.
Dende a súa inauguración, o pasado xoves 9 de abril, centos de persoas achegáronse ao recinto feiral Manuel Vila para contemplar as diferentes mostras de artesanía ou os postos de maquinaria e produtos locais.
Este domingo, antes da clausura, celebrouse a poxa de gando selecto e o certame de manexo para xente nova. Alejandra, de 8 anos, é unha das participantes máis cativas. Leva concursando desde que tiña tres.
Barni, a gañadora do concurso de gando frisón
Pero, sen lugar a dúbidas, a protagonista da mostra deste ano foi a vaca Barni, gañadora do concurso de gando frisón que se celebrou o sábado. É dunha granxa de Santa Comba e desta volta acaparou todas as miradas.
A Mostra Exposición de Muimenta, unha das máis veteranas de Galicia, naceu para promover o desenvolvemento rural e dar visibilidade ao sector. Agora, xa é unha cita ineludible no calendario das feiras de gando.