Publicador de contidos

Publicador de contidos

Esgótase a paciencia na parroquia compostelá de Marrozos: levan anos denunciando os danos que causa o gando dun veciño

Esgótase a paciencia na parroquia compostelá de Marrozos: levan anos denunciando os danos que causa o gando dun veciño

Din que ceiba un rabaño de máis de vinte animais, que estragan colleitas e causan accidentes en Corexo

Denuncian presuntas ameazas, insultos e agresións do home a varias mulleres do lugar

Unha das pancartas de protesta que os veciños colocaron en Corexo
G24.gal 13/04/2026 14:34

En Marrozos, Santiago, levan anos denunciando a presenza de gando solto na zona de Corexo. Son as vacas que ceiba un veciño: ábrelles a cancela e bótaas fóra cada día. Iso din na veciñanza, que denuncia que os animais andan sen control, estragan os cultivos e mesmo teñen provocado accidentes de circulación.

"Non saen das nosas leiras, comen todo", quéixase unha veciña. "Xa houbo varios accidentes de sinistro total, con danos en coches, con danos personais, houbo accidentes de toda clase", di outro.

Calculan que levan máis de dez anos así, din que ninguén dá solucións, e eles seguen recollendo probas cada día. Cada día, e cada noite, porque hai case tres anos que á tardiña organizan quendas para ir alindando as vacas cara á casa, e ver se poden durmir tranquilos. 

"Levamos aquí dous anos e tres meses, todas as noites ata as once e media da noite. E no inverno, co frío e coa chuvia, estamos aquí porque, se non, non temos unha presada de herba para botarlle os animais", lamenta unha veciña de Corexo.

Unha desas noites, a situación escalou: o home foi contra unha das veciñas que estaban na protesta. 

"Colleu unha rapaza por detrás e tirou con ela, tirouse enriba e pegaba coma se fose nun saco", lembra Daniel, un veciño.

E non foi a única agresión. Outras contan como, unha tarde, ameazounas cunha forcada.

"Iamos pola estrada e saltou el da súa leira cunha forcada, que nos quería cravar", di unha veciña. "Quedoume a forca a unha cuarta, e por que a outra deulle co pé e tiroulla, que se non a min crávama", lembra outra. 

Presentaron denuncia con cada agresión e están pendentes de xuízo, pero o caso é que agora andan con medo pola aldea. 

Foi a gota que rebordou o vaso: din que xa non poden máis. Piden axuda para reconducir a situación con este veciño.

"Se está ben, hai que xulgalo pola lei; e se está mal, haberá que curalo -di un veciño-, pero nós non podemos máis con este señor aquí". Piden que administracións e forzas de seguridade"tomen cartas no asunto", porque din que están "nunha angustia".

Contan que presentaron denuncias, escritos e informes en todas as portas, e que "ninguén pode dicir que non está informado da situación". Anuncian mobilizacións máis intensas mentres non teñan respostas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade