Estudios Abertos, arte para todos en Ferrol
Os creadores convidan á veciñanza a coñecer a súa obra e os seus espazos de traballo para compartir experiencias
Aseguran que é necesario promover a participación cidadá para poñer en valor a creación que se fai na cidade
Ferrol abriu esta fin de semana os estudios e galerías de arte ao público para que a cidadanía entre, sen reparos, a coñecer a obra dos creadores da cidade. Os máis cativos déronlle cor ao Espazo Branco e os artistas reflexionaron sobre a relación entre a arte e a intelixencia artificial.
Os veciños entran ás galerías, e as obras saen incluso á rúa. As conversas entre artistas sucédense nun espazo mentres noutro os creadores máis novos pintan murais colectivos.
"Os nenos son un lenzo en branco. Están abertos a todo, a explorar o que lles gusta a cada un. Vexo que os nenos xa moi pequenos teñen demasiado contacto coas pantallas. Teñen un tipo de estímulos que lles reduce a creatividade. Teñen moita necesidade de copiar", asegura Blanca Escrigas, do estudo Espazo Branco
"Gústame máis inventar, por exemplo abstracto, ou mirar o que vou pintar: unha persoa, un boneco, unha planta. Gústame pensar o que vou facer e despois poñelo nunha pantalla para que me saia mellor. E despois cunha goma e un lapis vou facendo porque non me gusta facelo xa todo roto", explica Teresa San Esteban, unha das pequenas creadoras
Foron xornadas de portas abertas tamén a tertulias sobre a arte e a temas controvertidos como a relación dos creadores coa intelixencia artificial.
"Podes vir, formar pate do público, falar con nós e romper un pouco as dificultades que hai para conectar", di Laura Freire, da galería Sarao
"Pillounos a todos co pé cambiado. Vemos algo que nos asusta e non sabemos moi ben ata onde pode chegar. Pero hai que darlle tempo e ver as aplicacións que pode haber no noso sector igual ca no resto", asegura Xabier Cano, da organización do evento
Este domingo péchase a segunda edición do programa coa cidadanía cada vez máis achegada ao labor artístico.