A artista Lula Goce converte A Doca de Baiona no maior mural artístico de España
A pintura, con case medio quilómetro de longo e unha superficie de 14.000 metros cadrados, representa elementos naturais e deuses coidadores dun mundo imaxinario que parte da memoria colectiva
A muralista Lula Goce afronta en Baiona un dos seus grandes retos. Ten obras emblemáticas espalladas polos cinco continentes, e agora inicia o que será en tres semanas o maior mural artístico de España.
14.000 metros cadrados e case medio quilómetro de longo de arte de gran formato. Lula Goce está a converter o espigón do porto de Baiona no mural artístico máis grande de España.
Un reto que implica o uso de pinturas especiais para o salitre e as inclemencias do tempo. O mundo de Lula, cheo de elementos naturais e deuses coidadores, cubrirá A Doca da vila pontevedresa.
"Está fragmentado en catro pezas ao longo do estuario en que hai uns nenos que están soñando a súa contorna, e o que é A Doca. Entón hai dalgún xeito alusións á historia, ao mar, as vivencias da xente do mar, a memoria histórica do pobo, e non podía faltar a vexetación mariña, que para min é unha constante", explica a artista.
"Este espigón xa foi deseñado no seu momento a través dos patróns do chan. Ese xeito de dobrar o debuxo do chan na parede gustábame, porque incluïamos tamén o chan e convértese en algo máis 3D, e non só que eu chego e pinto o mural".
Lula pasou horas neste lugar durante súa infancia e mocidade, e no proceso creativo contou coas suxestións dos veciños e do que representaba este lugar para eles e para a historia da vila. Conta con catro asistentes para reflectir o seu mundo cheo de símbolos.
Unha nena, as redeiras e o mundo da muller, o neno que é á vez un pecador, os graffiteiros, a xente do mar, tanto pesca deportiva coma de recreo.
A concienciación ecolóxica e o coidado do mar, das especies e coñecelas. Os de Lula non son personaxes mitolóxicos, senón endeusados.
"Como deusas ou ninfas, como este tipo de persoas que están coidando esa natureza e desa terra, e que representan un pouco tamén ese imaxinario tanto relixioso, como mitolóxico, como pagán que temos especialmente aquí".
Acostumada a todo tipo de retos, Lula Goce ten obras de gran formato espalladas por todo o mundo.
"O Xapón, que é marabilloso, ou Qatar. A verdade é que os choques culturais son tamén brutais, e o bonito da arte urbana é que sexa onde sexa, é unha arte internacional".
"E é unha arte que está nun momento de inflexión no necesita expandirse, un pouco máis alá de facer un debuxo nunha parede ou algo máis temporal e poder crear un entorno máis habitable", asegura a artista de Baiona.
E seguindo esa filosofía ten xa en marcha un proxecto con arquitectos e enxeñeiros para deseñar o barrio do Rocío en Vigo.